Deputación de Lugo

A Deputación abre na Capela de Santa María unha exposición única en Galicia sobre as 40 Reservas da Biosfera españolas

Lara Méndez inaugura a mostra Red Española de Reservas de la Biosfera. Terras do Miño, a Reserva da Paisaxe da Auga, coa que o organismo provincial inicia os actos conmemorativos do 10º aniversario da declaración deste último espazo protexido lucenseConsta de 40 paneis con información e fotos de alta calidade; DVDs; unha sección dedicada especialmente ós nenos; e pezas de artesanía cedidas polo CENTRAD representativas da cultura e a etnografía de Terras do Miño Estará aberta ata o 28 de febreiro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00; os sábados, de 17:00 a 20:00, e domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 horas

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este venres na Capela de Santa María a exposición Red Española de Reservas de la Biosfera. Terras do Miño, a Reserva da Paisaxe da Auga, dirixida a difundir a riqueza e características dos 40 espazos naturais protexidos pola UNESCO existentes en España e que será única en Galicia, pois a meirande parte do material é cedido polo Ministerio de Medio Ambiente e non se expoñerá en ningún outro lugar da comunidade autónoma. No resto de España, tan só se exhibiu en Madrid e Granada. Con esta actividade, o organismo provincial abre ademais os actos de conmemoración do 10º aniversario do recoñecemento da Reserva Terras do Miño, que se cumpre este 2012. A mostra consta de 40 paneis con información e fotografías, ademais de diverso material audiovisual –dous DVDs e dous photo books-, unha sección dedicada especialmente ós máis pequenos -consistente nunha maqueta de cartón pedra dunha cunca fluvial- e pezas cedidas polo Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) representativas da cultura e a etnografía de Terras do Miño. A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 28 de febreiro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00; os sábados, de 17:00 a 20:00; e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.

Lara Méndez, responsable das áreas de Emprego, Economía Sostible e Demografía, recalcou o compromiso da institución luguesa coa conservación, xestión sostible e posta en valor das tres Reservas da Biosfera da provincia –Terras do Miño, Os Ancares Lucenses e Río Eo, Oscos e Terras de Burón-, algo que “non soamente depende do empeño institucional, se non que pasa tamén pola implicación de toda a sociedade. De aí a relevancia da exposición que hoxe inauguramos, pois contribúe a difundir e concienciar ós cidadáns, nenos e maiores, dun xeito rigoroso e atractivo da inmensa riqueza do patrimonio medioambiental da nosa provincia e da súa valía como alternativa de futuro para xerar emprego e fixar poboación”.

A Vicepresidenta lembrou que nese ánimo de implicar á cidadanía, “fomos unha das primeiras administracións galegas en constituír os Órganos de Participación das Reservas da Biosfera que xestionamos, Terras do Miño e Os Ancares, nos que están representados os grupos políticos provinciais, os Concellos dos territorios protexidos, o Ministerio de Medio Ambiente e 16 organizacións sociais, entre elas colectivos agrarios, de montes en man común, ecoloxistas, de turismo rural e en defensa do patrimonio, que mostraron o seu interese en tomar parte na xestión das Reservas e que desenvolven o seu traballo dentro destes territorios”. “Estes colectivos acadan deste xeito un protagonismo que nunca tiveran, pois terán voz no deseño das estratexias de conservación e desenvolvemento das Reservas, entre outras cousas, participando directamente na elaboración do denominado Plan de Acción, que a Deputación xa está preparando e que terá un período de vixencia de dez anos”, argumentou a Deputada.

Méndez tamén avanzou que os actos conmemorativos do 10º aniversario de Terras do Miño continuarán ó longo do ano cunha axenda cultural e divulgativa dirixida a tódolos públicos que a Deputación está a preparar e que se enmarca no interese do organismo de “aproveitar o valor engadido que o recoñecemento da UNESCO supón para o desenvolvemento económico e social da provincia, pois abre ademais todo un abano de posibilidades para atallar un dos problemas máis graves que hoxe afrontamos: a despoboación”.

As dúas partes da exposición

A montaxe instalada na Capela de Santa María, que con esta nova actividade segue a consolidarse como referente entre os espazos de exposición galegos, ten dous apartados diferenciados. O primeiro deles correspóndese coa primeira parte do título da propia mostra, Red Española de Reservas da Biosfera, e está composta por material elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente para celebrar o 40 aniversario do programa Hombre y Biosfera (MAB é o seu acrónimo en inglés), un plan da UNESCO dedicado á investigación e á formación interdisciplinar co obxectivo de conciliar a conservación da biodiversidade natural co desenvolvemento sostible, e no que está integrada a Rede Mundial de Reservas da Biosfera. Trátase dunha mostra itinerante que iniciou o seu percorrido por España en Madrid en xullo, continuou en Granada e, trala súa estancia en Lugo durante este mes de xaneiro e o de febreiro, recalará en Picos de Europa. A cidade lucense será o único lugar de Galicia no que poderá visitarse. O material componse de 15 paneis de alta calidade con información e fotos, dous álbums fotográficos ou photo books e un vídeo, todo dirixido a introducir e ampliar o coñecemento que a cidadanía ten destes valiosos espazos naturais, de maneira que inclúen unha descrición do que é unha Reserva e información sobre as existentes en España, agrupadas por temáticas (humidais, cantábricas, illas...)

A outra sección correspóndese coa segunda parte do título da mostra, Terras do Miño, a Reserva da Paisaxe da Auga, dedicada en exclusiva a este territorio e elaborada pola propia Deputación con motivo do 10º aniversario da que foi a primeira Reserva recoñecida en Galicia pola UNESCO, o 7 de novembro de 2002. Terá tamén carácter itinerante, polo que calquera organismo ou colectivo que o desexe, tanto da provincia, como de fóra, pode solicitala. Consta por unha banda de 23 paneis con información e imaxes, un DVD, e pezas de cestería e de cerámica de Buxo, característica da zona, cedidas polo CENTRAD, todo elo dirixido a difundir entre o público en xeral as características da Reserva dende o punto de vista natural, cultural e etnográfico, destacando a importancia da auga e os humidais, e a flora e a fauna vinculadas a eses ecosistemas. Doutra banda, atópase o material destinado especificamente ós máis pequenos, colocado no centro da Capela e consistente nunha maqueta dun río con figuras de cartón pedra que representan os elementos definitorios do espazo natural, tanto vexetais e animais, como culturais, tales como muíños ou embarcacións.

Tamén se repartirán entre as persoas que se acheguen á mostra diverso material divulgativo sobre as Reservas, como folletos, marcadores de páxinas ou chapas.

O 55% da provincia é Reserva da Biosfera

Lugo é a única provincia de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO. Concentra de feito a maioría destes espazos recoñecidos en Galicia, ó contar con tres das cinco declaracións outorgadas na comunidade autónoma: Terras do Miño, Os Ancares, e Río Eo, Oscos e Terras de Burón. A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2002, e a máis grande da comunidade autónoma e a segunda de toda a Península Ibérica. Ocupa 363.668 hectáreas, o que supón o 39% do territorio da provincia. Na Reserva está incluídos 26 concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.

Declarada en 2006, a dos Ancares foi a segunda Reserva recoñecida en Lugo e a terceira de Galicia. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia. Inclúe os municipios de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.

A UNESCO outorgou en 2007 o recoñecemento á área Río Eo, Oscos e Terras de Burón, cuxa candidatura foi apoiada pola Deputación. Ocupa unha superficie de 108.007 hectáreas (o 11% do territorio da provincia) e comprende 7 Concellos galegos (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) e outros 7 pertencentes a Asturias.