Deputación de Lugo

Martínez aclara que a Xunta é a única administración que incumpre a súa palabra ó non abrir a Rolda Leste

O Deputado subliña que, mentres a institución provincial incrementa a seguridade no Paseo do Rato, o Goberno galego non define a posta en servizo da vía que dá acceso ó HULAMartínez tacha de mentireiro e manipulador ó PP e avanza que a Deputación rematou o primeiro paquete de actuacións, “ata o de agora positivas xa que non houbo máis sinistros”Tal e como anunciara, logo dunha profunda avaliación das primeiras medidas, e en canto a metereoloxía o permita, procederá a mellorar o firme e a intensificar a sinalización

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, subliñou hoxe, logo das “falsas acusacións” realizadas polo Grupo Municipal do PP de Lugo sobre o Paseo do Río Rato, que a única administración que incumpre a palabra dada ós veciños é a Xunta de Galicia ó non abrir a Rolda Leste para a que, segundo lembrou, no Orzamento de 2012 só se contempla unha partida de 20.000 euros, “facendo imposible que esta infraestrutura se poña en servizo”. Martínez insistiu en que “a Deputación está a poñer todo da súa parte para incrementar a seguridade no Paseo do Río Rato, pero a única solución é que o Goberno galego cumpra o seu compromiso e abra a Rolda Leste. Esta é a forma de que os lucenses non teñan que utilizar un acceso a unha área recreativa como unha circunvalación para ir e volver ó novo hospital”. Segundo datos de Tráfico, trala apertura do HULA multiplicouse por 7 o volume de vehículos nesta zona, pasando dunha media de 650 diarios a 4.500, unha densidade semellante á rexistrada nalgunhas estradas nacionais da provincia.

O tamén responsable do departamento de Vías e Obras da institución provincial salientou que “o Partido Popular rematou o ano mentindo e manipulando e comézao do mesmo xeito”. Neste senso, adiantou que a Deputación rematou o primeiro paquete de actuacións no Paseo do Rato, e que foron as seguintes:

Colocación de bandas redutoras de velocidade ou bandas rugosas en distintos puntos do percorrido, homologadas pola Comunidade Europa e acompañadas da correspondente sinalización vertical.

Instalación de sinais nos extremos da vía, remarcando o seu carácter de “parque periurbano, tal e como o estableceu a corporación provincial do Partido Popular no seu momento”.

Reforzo da sinalización vertical existente, tanto de velocidade como de advertencia de perigo, así como das barreiras de contención ou gardarraís.

Inicio da segunda fase dos traballos

Tal e como xa anunciara Manuel Martínez o mesmo día no que a Deputación puxo en marcha este plan de reforzo da seguridade no Paseo do Rato, unha vez completadas as anteriores medidas e logo de avaliar o seu funcionamento, “ata o de agora moi positivas xa que non houbo máis sinistro na zona”, en canto a meteoroloxía o permita procederase a acometer outras actuacións. Estas consistirán na aplicación dun tipo de aglomerado especificamente destinado a mellorar a adherencia do firme; intensificar a sinalización horizontal, tanto das marcas viais do eixo como das de separación das beiravías; pintar novas sinais no chan coa limitación da velocidade; e colocar captafaros reflectantes ou ‘ollos de gato’ nos laterais da estrada para mellorar a visibilidade pola noite.

Estas medidas, que se acometen con cargo ó Plan de Conservación ordinario, engádense ós traballos xa realizados pola institución no Paseo do Rato con anterioridade:

Plan de Sinalización. O primeiro que se levou a cabo na totalidade da rede viaria provincial na historia da Deputación, dotado con 2,2 millóns de euros. Incluíu no Paseo do Rato: sinais horizontais e verticais, barreiras de metal recubertas de madeira para evitar o impacto medioambiental no paseo fluvial, sinais de Stop, curvas perigosas, biondas e protección de motoristas.

Incremento das medidas co Plan de Conservación, baixando a velocidade ó mínimo (30 ou 50 quilómetros por hora segundo os treitos) e situando sinais de perigo indefinido, ceda o paso e curvas perigosas.