Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a campaña solidaria Xoguetes en Movemento do motoclub Lóstregos Lucus

O organismo provincial cedeu por quinto ano consecutivo as instalacións do CENTRAD ó colectivo lucense para organizar a recollida de agasallos que logo distribúe entre uns 200 nenos de familias desfavorecidasRegina Polín asistiu ó reparto dos xogos, que tivo lugar o día 24 na Capela de Santa María, onde gabou esta iniciativa e animou a estender as accións deste tipo a outras épocas do ano, “pois os lucenses teñen demostrado que a solidariedade é unha das súas virtudes”

A Deputación de Lugo impulsa a campaña solidaria Xoguetes en Movemento que o motoclub Lóstregos Lucus organiza dende hai cinco anos cedéndolle as instalacións do CENTRAD ó colectivo para organizar a recollida de material, que logo distribúe entre uns 200 nenos de familias con poucos recursos. O reparto tivo lugar o 24 de decembro na Capela de Santa María, un acto nó que estivo presente a Deputada da Deseño e Artesanía, Regina Polín.

A iniciativa de Lóstregos Lvcvs conta ademais coa axuda do motoclub Taranis e da empresa Alibós Galicia, e co apoio desinteresado que prestaron 16 establecementos da cidade que funcionaron coma puntos de recollida dos xoguetes e dos donativos cos que colaboraron os lucenses. Estes xoguetes foron empaquetados e etiquetados durante días polos colaboradores nun espazo cedido polo Centro de Artesanía para chegar finalmente ás mans dos seus destinatarios na mañá do día 24.

O punto de partida estivo na Praza de San Marcos, onde os rapaces e os lucenses que se achegaron ata alí puideron gozar cun chocolate quente e duns intres de alegre convivencia antes de que a caravana de motos se encamiñara ata a Capela de Santa María. Ás doce da mañá tivo lugar o momento máis esperado polos rapaces: o reparto de xoguetes. Un grupo de rapaces ofreceron una actuación de baile, tras o que deu comezo o reparto de mans de Papá Noel, quen, grazas á axuda dos 30 membros de Lóstregos Lucus, foi chamando polo seu nome a cada rapaz e facéndolle entrega do seu agasallo.

Rapaces de 4 a 13 anos

Máis de 200 nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos, procedentes de familias con escasos recursos, foron os destinatarios destes agasallos, atendendo a peticións de diferentes asociacións de axuda, como o Banco de Alimentos, ou de persoas como a traballadora social que colabora con Cáritas ou a Igrexa de Santiago a Nova.

Regina Polín amosou a súa satisfacción porque un ano máis iniciativas deste tipo se desenvolvan en Lugo, ó tempo que quixo facer un chamamento para que “proxectos coma este se trasladen a outras épocas do ano, xa que os lucenses teñen amosado en moitas ocasións que a solidariedade é unha das súas virtudes”.