Gómez Besteiro proporá ó Pleno unha declaración institucional en homenaxe ós tres policías lucenses vítimas do rescate no Orzán
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, proporá ós grupos da Corporación provincial no Pleno convocado para este vindeiro martes aprobar unha declaración institucional en homenaxe ó acto heroico e a excepcional valentía e nobreza dos tres policías nacionais lucenses que resultaron vítimas do tráxico incidente que tivo lugar na madrugada do venres na praia coruñesa do Orzán: Javier López, de 38 anos e da Fonsagrada, falecido; e o friolense José Antonio Villamor, de 34 anos, e o burelés Rodrigo Maseda, de 35, ambos desaparecidos. Gómez Besteiro asistiu este sábado ó funeral que tivo lugar na igrexa parroquial de Lamas de Moreira polo axente de orixes fonsagradinas para trasladarlle persoalmente á familia o seu máis sentido pésame e o da Corporación.
O titular provincial quixo mostrar así mesmo o seu apoio e afecto ás familias dos dous policías que continúan desaparecidos nestes terribles momentos polos que están pasando, ó tempo que expresou a súa consternación pola circunstancia de que os tres axentes que arrastrou o mar ó intentar salvar a un mozo eslovaco no Orzán sexan da provincia de Lugo. Besteiro recalcou a gran coraxe e calidade humana que demostraron os xóvenes policías, que, sabendo o risco que corrían, non dubidaron en antepoñer o seu deber á súa seguridade persoal.
O Presidente decretou tres días de loito oficial, entre hoxe e o luns, xornadas nas que a bandeira da institución provincial do Pazo de San Marcos ondeará a media hasta e cun crespón negro.