Deputación de Lugo

A Deputación difunde en Madrid entre profesionais do medio ambiente o seu modelo de xestión das Reservas da Biofera

Imaxe deputación de lugo
O Presidente inaugurará unhas xornadas que se celebrarán xoves e venres na Universidade Politécnica, nas que se expoñerán as accións de conservación e desenvolvemento que levou a cabo o organismo provincial nestes espazos naturais e as súas perspectivas futurasAsistirán estudantes e titulados en ciencias ambientais e biolóxicas, turismo e diversas enxeñerías, e entre os poñentes haberá produtores e artesáns beneficiados polos programas de actuación emprendidos

A Deputación de Lugo difundirá en Madrid entre profesionais relacionados co medio ambiente o seu modelo de xestión das Reservas da Biosfera nunhas xornadas que se celebrarán o vindeiro xoves e venres, días 23 e 24, na Universidade Politécnica. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, será o encargado de inauguralo seminario técnico, no que se expoñerán as accións de conservación e desenvolvemento que levou a cabo nestes espazos naturais o organismo provincial nos últimos cinco anos e as súas perspectivas futuras. Ó encontro asistirá un centenar de persoas, entre eles estudantes e titulados en ciencias ambientais e biolóxicas, turismo e diversas enxeñerías, e como poñentes participarán os responsables técnicos dos programas que a Deputación levou a cabo, así como produtores e artesáns beneficiados por estas actuacións.

A institución provincial leva a Madrid estas xornadas no marco do seu obxectivo de concienciar e difundir, dun xeito rigoroso e atractivo, os recursos e valores naturais da provincia de Lugo entre a cidadanía en xeral, pero en especial entre os profesionais vinculados co medio ambiente, pois considera que esta é unha das fórmulas para garantir a xestión sostible e posta en valor do patrimonio natural, ademais do seu impulso económico. Outras mostras deste empeño da institución son, por exemplo, a exposición sobre as corenta Reservas da Biosfera españolas que segue aberta –ata o 28 de febreiro- na Capela de Santa María; as xornadas para técnicos municipais sobre o Complexo Húmido Terra Chá que se celebrou a pasada semana; ou os obradoiros dirixidos a escolares sobre o ecosistema fluvial, dos que se celebrou unha sesión o 18 de febreiro e haberá unha nova precisamente este sábado, día 25.

O encontro organizado na Universidade Politécnica de Madrid, que terá lugar na Sala Verde da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, inclúe tres conferencias e dúas mesas redondas nas que explicarán as características e valores das tres Reservas da Biosfera da provincia –Terras do Miño, Os Ancares Lucenses e Río Eo, Oscos e Terras de Burón-, así como os proxectos emprendidos pola Deputación para impulsar estes territorios, dende o punto de vista medioambiental e económico. As liñas de actuación que se expoñerán, desenvolvidas fundamentalmente a través do programa Lug02, financiado nun 70% pola UE, son as seguintes: creación das marcas de calidade LugoSabe, para produtos agroalimentarios, e Lug02, para aloxamentos e hostalería; implantación do certificado medioambiental ISO 14001 nas praias mariñanas; conservación e mellora das condicións de produción de soutos de castaños a través dun convenio coa empresa Alibos Galicia; Programa de Saúde e Benestar no Camiño de Santiago, pensado para potenciar a actividade dos balnearios e o territorio no que están enclavados; e programa medioambiental Km0.

En canto ás accións futuras, nas xornadas presentarase a segunda fase do programa Lug02, que conta cun orzamento de 6,5 millóns de euros, achegado ó 70% pola UE; un plan de actuación dotado con 1 millón de euros para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares, financiado ó 70% polo Ministerio de Medio Ambiente; e un avance do Plan de Acción que a Deputación está elaborando e no que se determinarán as liñas estratéxicas de actuación en Terras do Miño e Os Ancares na próxima década.