Deputación de Lugo

As rutas de Km0 desta semana dinamizan a actividade hostaleira das comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra

250 veciños da provincia redescubrirán entre hoxe e o xoves os recursos naturais, culturais e socioeconómicos de Foz, Barreiros, Burela, Ribadeo, Monforte e O Courel A Deputada de Economía, Pilar García Porto, recibiu este martes a 48 usuarios do colectivo chantadino ASDEME, que fixo un percorrido polas praias focenses

As rutas do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo organizadas para esta semana contribuirán a dinamizar a actividade hostaleira da Mariña e a Ribeira Sacra, unha actividade estratéxica en ambas comarcas. Deste xeito, os 250 veciños da provincia que participarán nos cinco itinerarios programados redescubrirán os recursos naturais, culturais e socioeconómicos de Foz, Barreiros, Burela, Ribadeo, Monforte e O Courel, e repoñerán forzas en restaurantes e casas de turismo rural destes concellos.

O programa desta semana comeza hoxe cun itinerario polas praias de Foz, que realizarán 48 usuarios da asociación de discapacitados psíquicos ASDEME de Chantada. A Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, recibiu no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ó grupo, que visitou as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación para, xa no municipio focense, comer no restaurante O Lar, dar un paseo polos areais de Llas, A Rapadoira e Arealonga, e polo porto da vila, ademais de coñecer, en Barreiros, varios hórreos e a capela de San Bartolo.

A Mariña é mañá mércores de novo o destino das rutas de Km0: 55 integrantes da Asociación Sénior de Teléfonica de Lugo desprazaranse a Burela e 48 veciños de Quiroga achegaranse a Ribadeo. O grupo lucense iniciará o seu percorrido cunha visita á olería de Bonxe e continuará no Concello burelés cunha comida no restaurante Palacio de Cristal e paseos pola lonxa, o barco boniteiro e as instalacións das redeiras. En canto ó colectivo quirogués, achegarase ó CENTRAD para comer despois no restaurante ribadense A Dorada e visitar a praia das Catedrais e a dos Castros, as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil.

O xoves rematará a programación da semana cun itinerario por Monforte, que farán 48 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza de Castro de Rei, e outro polo Courel, do que gozarán 48 socios do colectivo veciñal de Cinxe, en Ribadeo. As Mulleres Rurais de Castro achegaranse ó mazo de Santa Comba e, xa en Monforte, coñecerán o Pazo de Tor e o Museo do Ferrocarril. A comida será no Parador, no Mosteiro de San Vicente do Pino. Pola súa banda, os ribadenses estarán no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Paseo do Rato lucense, para seguir coa ruta nos castros coureleses de Vilar e da Torre, e na aldea de Seceda. Comerán na casa de turismo rural Ferreiro.