Deputación de Lugo

A Deputación aproba os derradeiros trámites das obras da praia fluvial de Lugo que financia con 500.000 euros

A Xunta de Goberno acordou a modificación do proxecto de construción do pioneiro parque infantil cuberto, permitindo ó Concello de Lugo iniciar as súas obras xunto ás dos vestiariosO Goberno Central bloquea os traballos da zona de baño, tamén adxudicados polo organismo provincial, ó non conceder o permiso imprescindible para que o municipio lugués os executeA sesión acordou as derradeiras obras do canon en Carballedo, liquidando este débeda histórica cunha ducia de actuacións para as que a Deputación achegou máis de 581.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou este luns a modificación do proxecto de construción do parque infantil cuberto, que se situará detrás do Pazo de Feiras e Exposición da capital lucense. Os cambios consisten na apertura polos laterais desta infraestrutura de 21 metros de largo por 14 metros de ancho e totalmente acristalada, sendo a primeira destas características na cidade. Trátase do derradeiro e único trámite que tiña pendente por resolver a Deputación dentro das actuacións previstas para a creación da praia fluvial de Lugo, financiada na súa totalidade polo organismo provincial con 500.000 euros.

Deste xeito, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que o Concello de Lugo, responsable da execución das obras, pode iniciar ditos traballos, dotados de 214.975 euros, ó igual cos dos vestiarios de 36.703 euros. Na actualidade, o municipio lugués está a ultimar no contorno do Miño as actuacións de 39.440 dun pequeño parte infantil mentres está á espera de que o Goberno Central, concretamente o Ministerio de Medio Ambiente, lle conceda o permiso imprescindible para poder iniciar as da zona de baño, financiadas con 208.880 euros.

Todas estas obras enmárcanse dentro do convenio do Plan Extraordinario de Obra Pública mediante o cal a Deputación achegou ó Concello lucense 1 millón de euros para, ademais da construción da mencionada praia fluvial, a pavimentación das rúas Ronda de Fingoi, Avenida da Coruña e Paulo Fabio, traballos doutros 500.000 euros xa finalizados.

Liquidando o canon

Na sesión, aprobáronse as derradeiras actuacións en Carballedo con cargo ó canon, liquidando esta débeda histórica en dito Concello con produción hidroeléctrica e sen sentenza favorable. Estas consisten no remate dos traballos de rexeneración nas estradas Gustei-Mazaira e Buxelle por valor de 2.425 euros. En total e mediante este Plan, a Deputación investiu en Carballedo 581.098 euros cos que se acondicionaron as vías: Porto-Bucillos e Cea-Surrego-Buciño; Coedo-Loureiro-Casagrande-Corna; Agra-Matanza e Furoco-Abelairas-Penasalbas; Ermida-Milleiro e Cartelo-Lobelle de Riba; Peares-Galegos e Eirexe-Castro-Pubieiros; Rubiás-Pereiro, Revelle e Fente-límite con Chantada; Piñeiro-Vilaquinte e Pradeda de Baixo e de Arriba; Corveira de Baixo e de Arriba-Eirexe-Aguada de Riba; Vila-Castro-Morgade-Outeiro; e Cambillán-Airoá.

Tamén con respecto ó canon, a Xunta de Goberno acordou os Plan de Seguridade e Saúde no Traballo, derradeiros trámites para poder iniciar de xeito inmediato as tamén derradeiras obras con cargo o canon no Concello de Sober. Trátanse das pavimentacións nos accesos a Merla, San Cosmede, San Pil e zona verde Rosende por valor 38.160 euros, así como nos accesos de Gullufre-Os Ancares e Os Corgos de 46.426 euros.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou a renovación do convenio con Novagalicia Banco para a recadación dos impostos do IBI, IAE, ICV, taxas de auga, lixo, sumidorios ou antenas parabólicas que 62 Concellos da provincia teñen delegado na Deputación, aforrando miles de custes. Por exemplo, a compra de aplicacións informáticas que custan entre 200.000 euros e 1 millón de euros ou a contratación dunha empresa exterior con persoal técnico-xurídico especializado. Con este servizo, a Deputación garante ós municipios novos ingresos todos os meses xa que lles adianta o pago destes impostos que, en moitos casos, non chegaban a cobrar na súa totalidade, supoñendo unha importante inxección económica.

Por outra banda, a sesión acordou as contas xustificativas de 2 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas nos Concellos de Muras e Vilalba por valor de 18.315 euros dos que o organismo provincial achegou 13.704 euros; así como o pago de 3.371 euros pola expropiación de 27 fincas para a execución das obras de mellora nas estradas de Carrizal-Moncelos, na Pastoriza, e Seone-Tor, en Monforte de Lemos.