Deputación de Lugo

A Deputación potencia a Reserva Terras do Miño cunha mostra en San Marcos sobre os seus valores ecolóxicos e etnográficos

A Deputada de Medio Ambiente inaugurou a exposición As Paisaxes da Auga, que estará aberta hasta o 15 de abril, en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, de luns a sábados, e de 11:00 a 14:00, os domingos e festivosA colección está composta por 60 fotografías do monfortino Manuel Valcárcel e por unha reportaxe audiovisual sobre a cultura e etnografía da cunca fluvial do MiñoCon motivo desta mostra, o público poderá acceder por primeira vez á Sala de Exposicións de San Marcos polos xardíns traseiros do Pazo -ademais de pola entrada principal- dentro da aposta do organismo lugués por dinamizar este espazo

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou este mércores na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a mostra fotográfica As Paisaxes da Auga, organizada polo organismo provincial “co obxectivo de difundir entre os lucenses e visitantes os extraordinarios valores paisaxísticos, ecolóxicos e etnográficos da Reserva da Biosfera Terras do Miño con motivo do 10º aniversario da declaración deste espazo natural pola UNESCO”, explicou López Izquierdo. A exposición poderá visitarse hasta o vindeiro 15 de abril, en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00, de luns a sábados, e de 11:00 a 14:00, os domingos e festivos.
A colección componse de 60 fotografías que amosan as peculiaridades da flora e da fauna da Reserva, así como dunha reportaxe audiovisual de 20 minutos de duración sobre os elementos máis representativos da cultura e a etnografía da cunca fluvial do Miño, como poden ser os batuxos, pequenas embarcacións de madeira propias da Terra Chá. A auga é o fío condutor desta exposición: as paisaxes, os estados da auga (as súas múltiples formas e presenzas), a auga na cultura e a auga como elemento fundamental para a vida.
As imaxes son obra de Manuel Valcárcel Cabo, un fotógrafo e realizador de Monforte de Lemos de 37 anos de idade que conta cun amplo currículo profesional acumulado en viaxes por medio mundo. Entre outros traballos, cubriu eventos informativos como operador de cámara en Túnez, Exipto, Cuba, Nepal, Alemaña, Mali e Estados Unidos, e realizou reportaxes fotográficas en lugares como o Sáhara, Senegal, Marrocos, Burkina Faso, Palestina, Iraq, Arxelia, Romanía ou Papúa Nova Guinea. Dirixiu e produciu en 2010 a curtametraxe Fame, rodada en Monforte e A Pobra do Brollón, participou nunha ducia de exposicións e foi galardoado noutros tantos certames autonómicos e nacionais.
Como destacou a Deputada de Medio Ambiente, xunto á calidade técnica e artística das obras expostas, a mostra As Paisaxes da Auga inaugurada hoxe “conta cun aliciente engadido, pois por primeira vez, ademais de pola entrada principal, o público poderá acceder á Sala de Exposicións de San Marcos polos xardíns traseiros, dentro da nosa aposta por dinamizar este espazo e por integrar a propia paisaxe que rodea o Pazo na temática da exposición”. Neste senso, López Izquierdo lembrou que a apertura dos xardíns traseiros da Deputación ó público o verán pasado tivo unha moi boa acollida entre os lucenses, de xeito que pola zona pasan unha media diaria de ó redor de 200 persoas, unha cantidade que aumenta cando hai boas temperaturas, como é o caso dos últimos días. A delegada da área provincial de Medio Ambiente subliñou neste sentido que a entrada polos xardíns ofrece unha mellor visibilidade da exposición, “o que invita máis a pararse e a vela”, ademais de sinalar que “esta cita coa cultura e o medio ambiente súmase á oferta turística que a cidade de Lugo ofrece nestes días de Semana Santa”.
Premiados no concurso de fotografía
De xeito paralelo á mostra As Paisaxes da Auga -da que tamén se instalaron versións máis reducidas no Centro de Interpretación Terras do Miño, na capital lucense, e nos Concellos de Viveiro e Ribas de Sil- a Deputación organizou o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva. O certame rexistrou 60 participantes, que presentaron 250 imaxes tomadas nalgún dos 26 Concellos de Terras do Miño e coa auga como fío condutor. Rodrigo Díaz López acadou o 1º premio do certame coa obra Muíño Agochado, dotado con 800 euros en metálico; Paula Fernández Fulgencio, levou o 2º, de 400 euros, pola imaxe á que titulou Negro; e Germán Limeres López, o 3º premio, de 200 euros, co traballo Auga. Todos os galardoados son de Lugo.

O xurado, composto por cinco profesionais da provincia de recoñecido prestixio, valorou a calidade técnica das obras gañadoras e a súa temática sobre a auga, así como a composición das fotos, a forza do cromatismo e do encadre, e o xogo de iluminación. As obras galardoadas poden verse dende hoxe no Facebook da Deputación.

Convenio co Ministerio de Medio Ambiente
Exposición e concurso lévanse a cabo no marco do convenio que a Deputación asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Está dotado cun orzamento global de 1 millón de euros, dos que o Ministerio achega un 65% e a Deputación, o 35% restante. A Deputación xa desenvolveu no mes de febreiro cinco xornadas a través deste acordo de colaboración: O Medio Ambiente e a nova Política Agraria Común, dirixida especialmente ó sector agrogandeiro e celebrada na Granxa Gayoso Castro; xornada O Cooperativismo, Fórmula contra o Despoboamento e presentación do libro sobre demografía editado pola Deputación Lugo Reacciona; xornada formativa sobre a depuración de augas residuais para técnicos municipais; obradoiros lúdicos formativos sobre o Complexo Húmido Terra Chá para escolares; e xornadas técnicas na Universidade Politécnica de Madrid sobre as reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

Actos conmemorativos durante todo o ano
O 10º aniversario de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia, cúmprese oficialmente o 7 de novembro, pero os actos conmemorativos da Deputación estenderanse ó longo de todo o ano. De feito, arrancaron xa no mes de xaneiro cunha exposición na Capela de Santa María composta por material fotográfico, audiovisual e artesán sobre as 40 Reservas existentes en España. Esta mostra, que estivo aberta hasta finais de febreiro, foi única en Galicia, pois a meirande parte do material foi cedido por polo Ministerio de Medio Ambiente e non se expoñerá en ningún outro lugar da comunidade autónoma.