Deputación de Lugo

A Deputación puido desbloquear as obras da piscina de Sarria unha que vez que o Concello presentou o proxecto definitivo

O Presidente supervisou o reinicio dos traballos de construción da infraestrutura, cos que o organismo provincial contribúe a manter 50 empregos O organismo lugués achegou 1,4 millóns para este proxecto e, facendo un novo esforzo económico, tamén financiará o 80% das novas obras adicionais, que suman 307.000 eurosA Xunta incumpriu a súa promesa electoral de construír unha piscina climatizada en Sarria e polo momento falta o seu apoio para climatizar a que financian Deputación e Concello, a pesar de que é a administración que ten as competencias en deportes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este venres o reinicio dos traballos de construción da piscina cuberta de Sarria, que o organismo provincial puido desbloquear unha vez que o Concello lle presentou o proxecto definitivo da obra, despois de modificalo. Gómez Besteiro subliñou que coa execución desta infraestrutura, a Deputación “contribúe a manter 50 empregos na construción, un dos sectores máis castigados pola crise e o paro, e dotamos ós veciños de Sarria e do resto da comarca dun servizo polo que levan esperando 20 anos”. O Presidente, que estivo acompañado do Alcalde, José Antonio García, destacou así mesmo que o organismo lugués “axilizou ó máximo o reinicio dos traballos”, tendo en conta que o Concello tardou tres meses e medio en entregarlle a documentación pertinente á Deputación. Esta chegoulle o 2 de marzo e tan só en 21 días o organismo provincial fixo as xestións preceptivas para aprobala en Xunta de Goberno -na sesión do 23 de marzo- e poder retomar deste xeito hoxe as obras.

O organismo provincial achegou 1,4 millóns de euros para a construción da piscina de Sarria a través do Plan Extraordinario de Obra Pública, o que supón o 80% do custe inicial da obra, mentres que o Concello investiu o 20% restante. Agora, a Deputación financiará tamén o 80% do sobrecuste das novas obras adicionais, que suman 307.000 euros e que consistirán na construción dun muro perimetral que evite as filtracións de auga na piscina.

O Presidente cumpre deste xeito coa palabra dada ó Alcalde de Sarria na reunión que mantiveron en San Marcos o 5 de decembro, encontro no que Gómez Besteiro lle anunciou ó rexedor que a Deputación faría “un novo esforzo económico” para desbloquear as obras e evitar que Sarria perdese unha infraestrutura tan demandada polos veciños. Así, dos 307.000 euros necesarios para sufragar as obras adicionais, o Concello soamente terá que achegar 8.500.

Segundo anunciou o Presidente, estas actuacións suplementarias serán aprobadas na Xunta de Goberno da vindeira semana –o día 20-, unha vez que o Concello entregou á Deputación toda a documentación, e despois poderán comezar a executarse. Segundo as previsións da empresa adxudicataria, a totalidade da infraestrutura estará rematada en novembro.

A Deputación cumpre con Sarria

Con respecto á posibilidade de dotar de climatización á piscina, o Presidente incidiu en que “o que toca agora, o prioritario, é executar o convenio asinado no seu día, que establecía a execución dunha piscina cuberta. Unha vez que se faga isto, será a hora de falar de posibles melloras que dean lugar a futuros convenios de colaboración, pero tamén dos esforzos que están dispostos a realizar para levalos a cabo as distintas administracións. Polo que á Deputación respecta, o noso ánimo é o de colaborar e cumprir, como temos demostrado sobradamente en Sarria”. Neste senso, Besteiro lembrou que a Xunta de Galicia incumpriu a promesa electoral que realizou en varias ocasións dende o ano 1995 de construír unha piscina climatizada en Sarria e agora, polo momento, falta o seu apoio para climatizar a instalación que financian Deputación e Concello, cando é a administración autonómica que ten as competencias en deportes. Pola súa banda, o Alcalde quixo agradecer á Deputación que, finalmente, Sarria conte con esta infraestrutura “tan importante para os veciños”, e aclarou que dende o Concello se buscará a finanzación necesaria para dotala de climatización.

A TIC grava o novo disco da Banda de Música

Por outra banda, o Presidente da Deputación e da Fundación TIC presentou na Casa da Música de Sarria o CD profesional da Banda Municipal de Música da localidade editado pola TIC. O disco recolle oito pasodobres interpretados pola agrupación sarriana e forma parte da colección “Sons lugueses”.

Gómez Besteiro fixo entrega de 1.000 copias do CD co que a Fundación TIC contribúe á difusión de grupos musicais da provincia. Ademais, cada un dos compoñentes da banda recibiu un DVD da actuación que foi gravado por alumnos e bolseiros da Fundación TIC.

Este traballo é unha homenaxe ó pasodobre. Está composto por oito temas: Suspiros de España, Agüero, Eduardo Cifre, De Andalucía a Aragón, Tercio de quites, Gallito, Paquito Chocolatero e Ponteareas.

A banda de música de Sarria naceu nos anos 60, aínda que tivo varas interrupcións ó longo do tempo. Desde 1993 está dirixida por José Antonio González e na actualidade está formada por 45 músicos moi novos, con idade desde os 14 ós 40 anos.