Deputación de Lugo

Profesionais da Deputación integran a comisión técnica que axilizará ó 2013 a disolución do INLUDES en reforzo dos Concellos

A comisión, aprobada en Xunta de Goberno, presentará en maio os resultados dun estudo económico, xurídico e persoal para proseguir coa disolución do organismo, iniciada fai meses coa incorporación dunha ducia de traballadores a Fondos Europeos, Contratación e IntervenciónA institución aforra con fondos europeos 234.000 ós municipios adheridos ó Innova-TE, asumindo o servizo de conexión á Rede de 100 megas para ós ConsistoriosA sesión deu conta da execución da derradeira obra con cargo ó canon en Taboada, liquidando esta débeda con preto de 540.000 euros, así como do fin de traballos en Pantón con 22.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou este vernes a constitución dunha comisión técnica para a disolución do INLUDES, incorporando os seus servizos á Deputación e reforzando as prestacións que a institución luguesa ofrece na actualidade ós Concellos. O voceiro socialista, Manuel Martínez, avanzou que “remataremos con este proceso durante este ano, facendo que no Orzamento para 2013 non se contemplen partidas para este organismo”.

A comisión está composta pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, o Secretario, José Antonio Mourelle Cillero, a Interventora, Rosa Abelleira Fernández, o Director de Aseroría Xurídica, Manuel Cutrín Domínguez, e o xefe de Persoal da Deputación, Manuel García Mel. A súa primeira función será a elaboración dun estudo sobre a situación económica, xurídica e persoal do organismo provincial cuxos resultados serán presentados en Xunta de Goberno durante o mes de maio. “En base a este documento proseguiremos co proceso de disolución do INLUDES, un dos compromisos asumidos polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, para este mandato, dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos e o aforre de custes, optimizando recursos e eliminando duplicidades na administración”, explicou Martínez.

E é que a Deputación iniciaba xa o ano pasado o proceso de disolución do INLUDES comprometido polo Presidente, incorporando unha ducia dos seus traballadores a outros departamentos que cumprían de reforzo logo de que a institución luguesa se convertese na quinta entidad local en España que, con 25 millóns de euros, máis fondos comunitario recibiu. Por este motivo, estas áreas foron Fondos Europeos, Contratación e Intervención. Da mesma forma, dentro da aposta polo aforre de custes coa optimización dos recursos da administración, a institución provincial unificou a brigada de mantemento da Deputación, que antes se atopaba diversificada polos seus diferentes organismos dependentes e atendendo exclusivamente as necesidades do seu espazo de traballo. Por exemplo, os 5 operarios do INLUDES só actuaban neste edifício. Agora, existe un único equipo composto por 20 persoas, que se sitúan nas instalacións do Hotel Miño. Deste xeito, optimizáronse recursos e aforráronse custes ó no ter que depender de empresas exteriores para, por exemplo, facerse cargo do mantemento dos novos xardíns da Deputación ou da recuperación dos pavillóns de Santa María, traballos que asumiu o equipo de mantemento.

Internet para os Concellos
A sesión acordou a contratación das actuacións de mellora da conectividade a Internet en todas as dependencias provinciais e nos 49 Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE, por valor de 234.500 euros, cofinanciados nun 70% pola Unión Europea. Martínez subliñou que isto permitirá crear unha “rede única” de conectividade a Internet cuxo centro estará no Pazo Provincial, ó situarse nestas instalacións o Centro de Proceso de Datos, o denominado CPD, é dicir, o corazón tecnolóxico que almacena e centraliza toda a información e que fai posible a Administración Electrónica ou, o que é o mesmo, a administración aberta ás 24 horas dos 365 días. Esta “rede única” conleva as seguintes vantaxes: incremento da velocidade de conexión á Rede pasando, por exemplo no caso dalgún departamento provincial, dos 8 megas actuais ós 100 megas, que se levarán ós municipios adheridos ó Innova-TE, con dependencia das condicións orográficas da zona; unha administración electrónica moito máis áxil, ó multiplicar por 12 a velocidade de resposta ós cidadáns que realicen os 154 trámites coa Deputación e cos Concellos implantados coa primeira parte do programa tecnolóxico da institución luguesa; e un significativo aforre de custes ó realizar un só contrato para dar conectividade á e-administración nas instalacións provinciais e nos municipios sumados ó Innova-TE.

Liquidado o canon de Taboada
Na sesión tamén se deu conta da execución das derradeiras obras con cargo ó canon en Taboada, dotadas de 47.000 euros. Trátase da pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Rosalía de Castro, actuacións coas que a Deputación liquida esta débeda histórica no Concello taboadés. En total, a institución achegou a este municipio case 540.000 euros para o acondicionamento das seguintes zonas: As Neves-Xián (151.891 euros); Insua-Vilar (59.358 euros); Castelo-Ider (68.467 euros); Sobrecedo de Abaixo e de Arriba (43.471 euros); rúas Peizás, Polvorín e acceso do campo da festa en Vilar-Ider (35.670 euros) e segunda fase das Neves-Xián dende o punto quilométrico 4 ó 6,940 (132.424 euros). Tamén na zona Sur da provincia, a Xunta de Goberno deu conta do remate das obras de pavimentación no contorno da igrexa e o cemiterio de Pantón por valor de 22.000 euros, que aforramos ó Concello ó asumir a totalidade dos custes.

Aberto o prazo de solicitude
O tamén Deputado de Xestión Territorial salientou que, esta mesma semana e ata o mes de abril, o organismo provincial abriu o prazo de solicitude do Plan de Comunidades Veciñais para 2012 que, como novidade, está subvencionado ó 100% pola Deputación con 2 millóns de euros, liberando ós veciños de gastar o 25% do custe total das actuacións. Precisamente, a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas de 6 obras da programación do ano pasado, executadas nos Concellos de Navia de Suarna, Palas de Rei, Pastoriza e Sarria, por valor de 86.500 euros, dos que, neste caso e a diferencia da nova convocatoria, a institución luguesa achegou preto do 75% e os colectivos beneficiados a porcentaxe restante.