Deputación de Lugo

O 20% dos traballadores da Deputación secunda a folga xeral contra a Reforma Laboral imposta polo Goberno Central

Esta porcentaxe, que representa a uns 100 traballadores, é moi superior á acadada en xaneiro de 2011 onde o 1,7% do persoal provincial, 9 persoas, se sumaron á convocatoria30 alumnos da EIS gardaron un minuto de silencio en repulsa “da defunción dos dereitos laborais” coa normativa dos populares e Deputados participaron en distintas manifestacións

O 20% dos traballadores da Deputación secundaron este xoves a folga xeral en contra da Reforma Labora que, sen consensuar cos Sindicatos, aprobou o Goberno Central do Partido Popular. Son unhas 100 persoas que prestan servizo nos órganos dependentes da institución provincial (Pazo de San Marcos, INLUDES, SUPLUSA e Fundación TIC). Esta porcentaxe é moi superior a acadada noutras convocatorias. E é que o 1,7% do persoal provincial se sumou á folga do 27 de xaneiro de 2011, é dicir, uns 9 traballadores. O 29 de xaneiro de 2010, fíxoo un 6,8%, 34 persoas.

Co fin de garantir o dereito a facer folga, así como as prestacións esenciais da institución, a Deputación acordou con todos os representantes das organizacións Sindicais (UXT, CC.OO, CIG e CIS-F), Xunta de Persoal e Comité de Empresa servizos mínimos do 4,8%, que representa a 25 traballadores. Polo que se refire ó Goberno Provincial, todos os Deputados do PSdeG e BNG secundaron a folga, permanecendo á fronte do Executivo o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, como máximo mandatario do organismo lugués. Deste xeito, o Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, así como o Deputado friolés Álvaro Santos participaron na manifestación que tivo lugar na capital luguesa e que, ás 12:00 horas, partiu dos locais sindicais ata chegar ás dependencias da Subdelegación do Goberno en Lugo. Na Mariña, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso, sumáronse á concentración de Burela.

Na Escola de Imaxe de Son e a hora do recreo, 30 alumnos concentráronse para gardar un minuto de silencio como mostra de repulsa ante a “defunción dos dereitos dos traballadores coa Reforma Laboral”. A normativa dos populares inclúe medidas como despedir sen causa xustificada a unha persoa que leve 20 anos con contrato indefinido e cunha indemnización de 20 días por ano; baixar o salario e cambiar as condicións laborais alegando razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción; imposición dos empresarios das horas extras nos contratos a tempo parcial; condicionamento do dereito á xornada reducida por coidado de familiares; ou limitar o permiso de lactancia.