Deputación de Lugo

A Deputación fixa servizos mínimos do 4,8% do persoal para a folga xeral de mañá

Imaxe deputación de lugo
Esta porcentaxe, que representa a 25 traballadores, resposta ós criterios acordados pola institución noutras convocatorias cos Sindicatos, Xunta de Persoal e Comité de EmpresaTodos os Deputados do PSdeG e BNG secundará a folga, quedando á fronte do organismo provincial o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, como máximo mandatario

A Deputación fixou uns servizos mínimos do 4,8% do persoal para folga xeral de mañá en contra da Reforma Laboral que, sen consensuar cos Sindicatos, aprobou o Goberno Central do Partido Popular. Esta porcentaxe resposta ós criterios acordados pola institución noutras convocatorias cos todos os representantes das organizacións Sindicais (UXT, CC.OO, CIG e CIS-F), Xunta de Persoal e Comité de Empresa.

Isto supón, que 25 traballadores asumirán este xoves as “prestacións esenciais” do Boletín Oficial da Provincia, Informática, Comunicación, Parque Móbil, Secretaría Xeral e Servizos Centrais, Asistencia e Asesoramento Xurídico e Técnico ós Concellos, Recursos Humanos, Unidade de Vixilancia e Portería, Vías e Obras, Intervención, Tesourería, Xestión Tributaria e Recadación, Cultura e Deportes, Benestar Social, Rede Museística Provincial, INLUDES, Centro de Artesanía e Deseño e Granxa Gayoso Castro.

Polo que se refire ó Goberno Provincial, todos os Deputados do PSdeG e BNG secundarán a folga, permanecendo á fronte do Executivo o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, como máximo mandatario do organismo lugués. Gómez Besteiro salientou que “coa conformidade de todas as partes, establecemos uns servizos mínimos que garanten o dereito de sumarse á folga xeral ó persoal da Deputación, conscientes de que somos os traballadores ós maiores perxudicados pola Reforma Laboral que vén de impoñer o Partido Popular, rebentando o Estado de Benestar”. Deste xeito, ata o momento e de xeito inicial, está confirmada a participación en distintas manifestacións da provincia dos Deputados de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño; Deseño e Artesanía, Regina Polín; e Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso.

Despedir sen causa xustificada a unha persoa que leve 20 anos con contrato indefinido e cunha indemnización de 20 días por ano, así como a un traballador que teña, en dous meses, dúas baixas por enfermidade que sumen nove días; baixar o salario e cambiar as condicións laborais alegando razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción; imposición dos empresarios das horas extras nos contratos a tempo parcial; condicionamento do dereito á xornada reducida por coidado de familiares e limitar o permiso de lactancia; son algunhas das medidas que incorpora a norma dos populares.