Deputación de Lugo

O Goberno leva ao Pleno a concesión do Centro de Recría por valor de 40 millóns de euros para abrilo na primavera

O Goberno da Deputación leva ao Pleno de novembro, que terá lugar o martes 29, os pregos da concesión do 1º Centro de Recría de gando vacún público en España por valor de 40 millóns de euros, que é a valoración económica destas instalacións e dos terreos onde se afincan, para abrilo na primavera.

Así o avanzou este venres o voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos Ramos, que explicou que estes pregos foron elaborados por unha Comisión Técnica, na que participan reputados expertos da USC, como Francisco Sineiro e Eduardo Yus.

Implican unha xestión pública de concesión de servizos, que conte coa participación directa do sector gandeiro, por un período de 15 anos, que poden ser prorrogables. É o modelo que estes profesionais valoraron como o “máis idóneo” para acadar a maior rendibilidade económica do centro de recría en beneficio dos gandeiros.

Supón o control directo e público destas instalacións por parte da Deputación, que velará polo cumprimento dos pregos. Por exemplo, que os prezos da recría sexan máis vantaxosos que os dun centro privado. No caso de incumprimentos, poderase sancionar á concesionaria, podendo inclusive rescindir esta concesión.

Santos Ramos apuntou que o modelo de xestión foi aprobado no Pleno de xuño polo Goberno, pois o Partido Popular abstívose, posto que apostaba por un modelo de xestión demanial, que implica a desvinculación total da administración pública e, polo tanto, a privatización do centro de recría.

Unha vez aprobados os pregos no Pleno de novembro, o seguinte paso será publicalos no Boletín Oficial da Unión Europea debido a súa valoración de 40 millóns de euros. Tras a súa exposición pública, a concesión podería resolverse nuns 60 días polo que os primeiros exemplares entrarían no centro de recría na primavera. 

Mentres non se resolve este proceso, o Goberno acordou hoxe na Xunta de Goberno levar a cabo as melloras nestas instalacións que recomendou a Comisión Técnica. Consisten en facer cubertas nos 6 pasillos que hai entre os 200 boxes, onde se afincarán os animais dende que entran no centro, cuns 15 días, e ata, aproximadamente, os 6 meses, cando se trasladan ás 14 naves de recría.

Son actuacións recomendas, que non obrigatorias, pois estes pasillos non están cubertos na maioría destas instalacións, pero que se executan para favorecer o benestar animal. Deste xeito, evitarase que as condicións climatolóxicas afecten aos exemplares.

Estas melloras están valoradas en 300.000 euros, que se inclúen na partida de 12 millóns de euros que a Deputación achegou ao proxecto de construción do centro de recría, cuxas obras están totalmente executadas, e que, finalmente, tras a baixa nesta contratación, tiveron un custo de 10 millóns de euros. O prazo máximo destes traballos é de 3 meses, coincidindo co período de previsión da apertura destas instalacións.

Outros acordos
O Executivo aprobou na Xunta de Goberno de hoxe o contrato de patrocinio co Club Deportivo Lugo de 265.000 euros, que implica a promoción da provincia e de todas as súas potencialidades nos seus actos e encontros deportivos.

Acordáronse as obras de mellora en accesos a núcleos poboacionais, viñedos, explotacións agrogandeiras e centros socioculturais por valor de 168.460 euros, orzamento incluído no  Plan de Impulso ao rural e ao sector primario.

Resolveuse a contratación de 2 parados lucenses, que comezarán a traballar como camareiros en establecementos de Monforte de Lemos e Meira co Ben Empregado 2.