Deputación de Lugo

Unha vintena de mozos de Alfoz estrea o Km0 Fin de Semana con xogos acuáticos nos tesóns da ría de Ribadeo

Os rapaces, socios do colectivo Xuvenalfoz, gozaron dunha xornada na que está prevista a práctica de kite surf, unha modalidade deste deporte que incorpora cometas; paddle surf, que consiste en remar sobre táboas de surf; e bananas acuáticas, para flotar sobre a augaPreto de 600 persoas teñen xa reservadas rutas da nova etapa do programa medioambiental, co que a Deputación abre o abano de público participante e potencia os beneficios económicos que ten para as empresas da provincia

A nova andaina do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo, o Km0 Fin de Semana, arrancou este sábado en Ribadeo con espectaculares xogos acuáticos na zona dos tesóns –bancos de area- existentes na ría da vila mariñana. Un grupo de 24 mozos alfocenses, socios do colectivo Xuvenalfoz, estrearon o proxecto cunha xornada na que está prevista para esta tarde a práctica de kite surf, unha modalidade deste deporte que incorpora cometas; paddle surf, que consiste en remar sobre táboas de surf; e bananas acuáticas, para flotar sobre a auga. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibirá no peirao de Porcillán ós participantes e compartirá con eles parte da xornada, que, previamente ós xogos acuáticos, inclúe unha visita ás cetáreas de Rinlo e a Illa Pancha.

Trala primeira actividade de Km0 Fin de Semana hoxe no Concello ribadense, este mes haberá outras tres rutas: o día 14, 48 integrantes da Asociación Xuvenil de Castro de Rei de Lemos, de Paradela, viaxarán ó Vicedo; o día 21, 48 veciños de Guitiriz farán unha ruta en helicóptero; e o 28, un grupo de 24 lucenses gozará de actividades acuáticas en Ribadeo.

Boa acollida

A acollida que está recibindo o Km0 Fin de Semana está sendo moi boa, tendo en conta que, tan só unha semana despois de que a Deputación anunciase a súa posta en marcha, preto de 600 persoas tiñan reservada unha ruta, de xeito que están cubertas xa as prazas dispoñibles para todas as fins de semana deste mes de xullo, de setembro e de outubro (en agosto non hai programación).

A Deputación decidiu poñer en marcha o Km0 Fin de Semana tras constatar, grazas a un exhaustivo balance elaborado por persoal da Deputación, os beneficios económicos que xera -1,5 millóns de euros de volume de negocio dende a súa posta en marcha hai tres anos e medio- e pola demanda das propias empresas colaboradoras, que a día de hoxe son preto de 250 PEMES e autónomos, que dan emprego directo a unhas 1.400 persoas. O seu obxectivo é abrir o abano de público participante e potenciar os beneficios económicos que ten para as empresas da provincia. Para fomentala participación, o organismo provincial enviou información sobre a nova etapa de Km0 a 500 asociacións da provincia, sobre todo xuvenís e culturais.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.