Deputación de Lugo

Samos, Cospeito e Ribadeo centran a programación de Km0 desta semana, da que gozarán preto de 200 veciños da provincia

Os participantes, procedentes de Becerreá, San Cibrao, Bóveda e Lugo, coñecerán o patrimonio medioambiental e cultural dos tres Concellos, ademais de dinamizar a súa actividade hostaleira Manuel Martínez recibiu este mércores a 55 integrantes da Asociación de Amas de Casa O Urogallo de Becerreá e a outros 55 do CIT sancibrense, que redescubriron o Mosteiro de Samos e as lagoas de Cospeito, respectivamente

Os Concellos de Samos, Cospeito e Ribadeo centran os destinos do programa Km0 da Deputación organizados para esta semana, do que gozarán preto de 200 veciños da provincia. Os participantes, procedentes de Becerreá, San Cibrao, Bóveda e Lugo, coñecerán o patrimonio medioambiental e cultural das tres localidades, ademais de dinamizar a súa actividades hostaleira. A programación desta primeira semana de maio reduciuse a hoxe e mañá xoves, pois o martes non houbo rutas por ser o Día Internacional do Traballador.

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, recibiu este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ós dous primeiros grupos da semana: 55 integrantes da Asociación de Amas de Casa O Urogallo de Becerreá e 55 do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de San Cibrao, que redescubriron o Mosteiro de Samos e as lagoas de Cospeito, respectivamente. O colectivo de Becerreá, trala recepción, coñeceu o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, e, en Samos, comeu no Mesón A Pontenova, e visitou a capela do Ciprés e o mosteiro. En canto ós sancibrenses, achegáronse ó Pazo de Sistallo, comeron no restaurante Beiramiño, fixeron un tramo da ruta Lagoa de Cospeito, e visitaron a Torre de Caldaloba e o Museo da Prehistoria de Vilalba.

Para mañá xoves está prevista outra ruta polas lagoas de Cospeito, que realizarán 55 integrantes da Asociación A Lagoa de Rubián, de Bóveda, e actividades da modalidade Km0 Xtreme en Ribadeo, das que gozarán 24 alumnos e profesores da Fundación TIC. Polo que respecta ó grupo de Bóveda, iniciará o itinerario nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e continuará na lagoa de Caque, comerá na Brasería Carballeira, en Castro Ribeiras de Lea, fará un tramo da ruta Lagoa de Cospeito e concluirá cunha visita á Torre de Caldaloba e o Museo da Prehistoria de Vilalba. Pola súa banda, a ruta multiaventura que fará o grupo da TIC en Ribadeo consistirá nunha visita a Pozo do Ollo e en actividades de surf e windsurf. A comida terá lugar no restaurante Marinero.

Inscrición rápida e sinxela

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.