Deputación de Lugo

Os traballadores da Deputación protestan contra os novos recortes do Goberno cunha concentración espontánea diante de San Marcos

Os empregados do organismo provincial convocaron a mobilización tras coñecer unhas medidas “que reducen os dereitos laborais consolidados ó longo de moitos anos”

Os traballadores da Deputación de Lugo concentráronse este mércores diante do Pazo de San Marcos en protesta contra o novo paquete de recortes anunciado esta mañá polo Goberno Central. Os propios empregados do organismo provincial decidiron de xeito totalmente espontáneo convocar a mobilización tras coñecer unhas medidas “que reducen e lesionan os dereitos laborais consolidados polos traballadores ó longo de moitos anos”.

Coa concentración, o persoal da Deputación quixo expresar o seu rexeitamento contra medidas “lesivas” como a subida do IVE, do 18 ó 21% o tipo xeral e do 8 ó 10%, o reducido; a rebaixa da contía da percepción por desemprego en 10 puntos a partir do sexto mes no paro; ou a racionalización do gasto no sistema de dependencia, así como contra a perda de dereitos dos empregados públicos, como a supresión da paga extra de Nadal e de parte dos días de libre disposición.