Deputación de Lugo

A Deputación combate o paro no Sur da provincia formando a 60 desempregados nas profesións de máis futuro

Lara Méndez mantivo un encontro en Monforte de Lemos cos 39 beneficiados dos cursos gratuítos, con prácticas en empresas e remunerados con 400 euros ó mes, sobre coidados xeriátricos, atención a discapacitados e horticultura ecolóxica Son os chamados empregos brancos, da área sociosanitaria, que xerarán 200.000 postos de traballo ata o 2015 en España segundo o Ministerio de Traballo e os empregos verdes, da área medioambiental, que xerarán ata 2 millóns segundo a Organización Internacional do TraballoA Deputación leva á zona sur da provincia un total de 5 cursos, con 1.290 horas teóricas e prácticas, para impulsar a inserción laboral dos parados nas profesións con máis futuro na provincia

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, mantivo este xoves un encontro con 39 lucenses en paro que están recibindo formación na zona sur da provincia. Son os participantes nos cursos de Auxiliar de Enfermaría en xeriatría e de Coidador de Discapacitados físicos e psíquicos, que se imparten na sede monfortina da Cruz Roja, e no de Produtor de Hortalizas Ecolóxicas, que se celebra no local de Unións Agrarias da cidade do Cabe.

Méndez mantivo un encontro informal con algún dos alumnos destes cursos totalmente gratuítos durante o cal estes lle transmitiron as súas impresións sobre a iniciativa da Deputación que lles permite recibir formación sobre profesións de futuro, obter experiencia profesional coas prácticas que, posteriormente, realizarán en empresas da provincia e recubir unha remuneración mensual de 400 euros. Tal e como destacou a Vicepresidenta “esta axuda é hoxe moi necesaria. Non se trata de dar cartos sen máis, senón de facilitar ós desempregados a súa inserción laboral. Máis de 4.000 dos 25.300 desempregados da provincia son da zona Sur, e 600 son desempregados de longa duración. Co Pacto Provincial polo Emprego loitamos contra este deterioro do mercado laboral na provincia, malia non ter competencias directas nesta materia”.

Estas dúas accións formativas enmárcanse dentro dos chamados empregos brancos, da área sociosanitaria, e os empregos verdes, da área medioambiental. Estes nichos de emprego son dous dos que máis proxección de futuro teñen, revelando o maior potencial de crecemento e de resistencia fronte á crise. No caso da atención sociosanitaria, as necesidades de persoal especializado en atención a dependentes auguran unhas excelentes perspectivas de empregabilidade: a cifra ofrecida polo Ministerio de Traballo eleva a 200.000 os postos de traballo que se xerarán ata o 2015 en España. Esta necesidade de persoal é moito máis elevada en casos coma o da provincia de Lugo, cun elevado índice de envellecemento da poboación –preto do 40% supera os 65 anos-.

As cifras son máis destacadas no caso dos empregos relacionados co medio ambiente, que tamén amosan un elevado potencial de crecemento económico en Lugo, tendo en conta, por exemplo, que máis do 55% do seu territorio foi declarado Reserva da Biosfera pola Unesco. Segundo os datos ofrecidos pola Organización Mundial do Traballo, os empregos relacionados da área medioambiental poderían xerar ata 2 millóns de empregos de aquí ó 2020, a pesares de que ese mesmo informe advirte que os recortes do Goberno central supoñen unha seris ameaza ó sector.

1.290 horas de formación, 5 cursos, 65 desempregados
Estas son dúas das cinco accións formativas que a Deputación xa puxo en marcha na zona sur da provincia, enmarcadas na segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego. Esta programación está dotada con 3,5 millóns de euros, cofinanciados ó 80% pola Unión Europea. En total, na zona sur de Lugo, a institución provincial ofrece formación a 65 desempregados de xeito totalmente gratuíto, grazas a estes fondos europeos que converten á Deputación na 5ª institución en España e 1ª en Galicia en importe total de axudas procedentes do Fondo Social Europeo.

A formación ofrecida no sur lugués é a seguinte:

Coidador de dispacacitados físicos e psíquicos: con 200 horas de duración, impartidas por Cruz Vermella, na sede desta institución na Carretera de Chantada.
Atención especializada para enfermos de Alzheirmer: con 250 horas, impartidas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (GOGAMI), na nave de Agora, no Polígono Industrial de Reboredo.
Auxiliar de enfermería en xeriatría: con 300 horas, impartidas tamén por Cruz Vermella na súa sede.
Produtor de hortalizas ecolóxicas: con 190 horas, impartida por Unións Agrarias, no seu Centro situado na rúa Roberto Baamonde.
Instalador de impermeabilización: con 350 horas, impartidas pola Asociación de Empresarios de la Construcción de Lugo-APEC, nas instalación da Fundación Val de Lemos, nas Lamas.