Deputación de Lugo

A Deputación secunda a manifestación dos gandeiros en defensa do sector lácteo, que xera en Lugo 10.500 empregos directos

O Deputado de Economía do Rural participou na marcha convocada en Chantada en apoio dunha “actividade fundamental para a economía da provincia, que concentra 5.300 explotacións, o 40% das de Galicia, e 1 millón de quilos de cota, o 46% do total galego”José Fernández destaca que, “fronte a pasividade” dos Gobernos de Rajoy e Feijóo, a Deputación emprende proxectos para impulsalo campo, como o primeiro centro de recría público en España ou as axudas de 300.000 euros para obras de mellora no rural

A Deputación de Lugo secundou a manifestación dos gandeiros convocada este xoves en Chantada polos sindicatos maioritarios do sector primario galego (UU.AA.; XX.AA. e SLG) en defensa do sector lácteo, ante a grave crise que atravesa debido ós baixos prezos do leite, que son inferiores a hai dez anos, e á histórica subida dos custes de produción, que aumentaron entre un 40 e un 120% na última década. O Deputado de Economía do Rural e do Mar, José Fernández, participou na marcha que saíu da Alameda chantadina e culminou na Praza do Concello expresando o apoio da institución luguesa a unha actividade “fundamental para a economía da provincia, que concentra 5.300 explotacións, preto do 40% das de Galicia, e case 1 millón de quilos de cota, o 46% do total galego, e que da emprego a unhas 10.500 persoas, só de xeito directo”.

Fernández subliñou a urxencia de que o Executivo central e autonómico, os que teñen competencia na materia, adopten medidas que axuden a paliar a “situación límite que atravesa o sector, a peor nos últimos 25 anos, e eviten o peche de centos de granxas e a destrución de miles de empregos na provincia pola falta de liquidez das explotacións e por non poder facer fronte ós custes de produción”.

Continua asfixia

Neste senso, o Deputado subliñou que, ó baixo prezo do leite, que de media se sitúa nos 28,65 céntimos por litro, mentres que, paradoxicamente, os consumidores pagan un 48% máis que hai unha década; e o desorbitado incremento dos custes de produción, sobre todo os do gasóleo e fertilizantes, que duplicaron o prezo dende 2002, súmanse a falta dos contratos homologados que garantan unha estabilidade na cotización do leite, “polos que segue esperando o sector”, así como “unha serie de medidas adoptadas polo Goberno central e o galego que non fixeron máis que seguir asfixiando ós gandeiros”. José Fernández fixo referencia á subida do IVE, “que terá un efecto tres veces maior nunha familia que viva da actividade agrogandeira que nun fogar medio, tendo que pagar de media 1.300 euros de media máis ó ano”, ou a eliminación da redución dos módulos de cotización nas declaracións da renda, o que supoñerá un sobrecuste de 72 millóns de euros para os produtores lucenses.

Aposta decidida da Deputación polo campo

O delegado de Economía do Rural lembrou que o Goberno provincial xa levou ó Pleno varias propostas reclamando os Executivos de Rajoy e Feijóo que tomen medidas estruturais urxentes para “evitar o desastre” dun sector que emprega a 65.000 persoas e xera un volume de negocio anual próximo ós 3.000 millóns de euros en Galicia. Fronte á “pasividade” da Administración central e autonómica, Fernández recalcou que a Deputación mantén “unha aposta decidida, real e visible polo campo”, emprendendo dende a entrada do bipartito no Goberno importantes proxectos para “poñerlles as cousas fáciles ós gandeiros, impulsar o sector e fixar poboación”, tales como a construción do primeiro centro de recría público en España na Granxa Gayoso Castro, grazas ó que os produtores aforrarán unha media de 300 euros por cada becerra que recríen e que, cando estea a pleno rendemento, xerará un volume de negocio de 3 millóns de euros ó ano; ou as axudas por valor de 300.000 euros para obras de mellora no rural, incluídas no Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES.