Deputación de Lugo

Derradeiras prazas dispoñibles para ser un dos 200 participantes de Lugoteando en Viveiro e Foz

Case o 70% das prazas das actividades lúdico-ambientais gratuítas programadas pola Deputación en Viveiro e Foz para os días 18 e 19 xa están reservadas por centos de participantes de entre 7 e 60 anosAs bananas e bolas acuáticas, o wake surf e o kitesurf foron as experiencias máis demandadas na Mariña durante a pasada edición de Lugoteando, que reuniu a preto de 500 persoas na costa lucense e que volven estar presentes esta fin de semanaOs interesados aínda poden inscribirse no 982-12-00-64, 609-90-32-11 ou en www.deputacionlugo.org

Lugoteando, o programa lúdico-medioambiental gratuíto posto en marcha pola Deputación de Lugo arrinca esta fin de semana nas localidades mariñanas de Viveiro e Foz, renovando o seu gran poder de convocatoria. Preto do 70% das 200 localidades pensadas para a Mariña xa están cubertas a falla de dous días para o comezo das actividades que se celebrarán esta fin de semana en Viveiro e Foz, e coas que a Deputación volve a apostar polo medioambiente e o turismo como oportunidades únicas para xerar riqueza.

A programación está pensada para que persoas de calquera idade poidan sacar o maior partido das posibilidades de ocio que ofrece a costa lucense. Deste xeito, participantes de entre 7 e 60 anos, entre os que hai familias ó completo, xa teñen reservada a súa localidade e gozarán dunha diversión alternativa o sábado 18 no Clube Náutico viveirense e o domingo 19 na praia da Rapadoira de Foz. Entre as alternativas propostas hai bolas ou bananas acuáticas; paddle surf ou scooters acuáticos para os que se deicidan pola diversión no mar ou percorridos en segways, skates eléctricos ou long board para os que prefiran terra firme. Durante estes dous días, o horario será de 15:00 a 20:00 horas.

Un ano máis, esta iniciativa da Deputación volve a amosar o seu poder de convocatoria e vai camiño de igualar ás dúas edicións anteriores, nas que preto de 3.000 persoas, 500 delas na Mariña, sumáronse á aposta da institución provincial polo medioambiente e o turismo como oportunidades únicas para xerar riqueza na provincia. Fixéronno tomando parte nas diferentes modalidades de diversión acuática, entre as que destacaron as bananas e bolas acuáticas, o wake surf e o kite surf.

Como inscribirse
Os que desexen participar nas actividades desta fin de semana aínda poden facerse con algunha das prazas que quedan libres chamando ós teléfonos 982-12-00-64, 609-90-32-11 ou ben a través de Internet en www.deputacionlugo.org. Nesta páxina web poderán descargar o formulario, que deberán enviar cuberto a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben, no caso de quedar prazas libres, presentar nos lugares de celebración das actividades antes do comezo das mesmas.