Deputación de Lugo

A Deputación acolle a presentación do libro editado polo Centro Galego de Barcelona sobre emigrantes lucenses

Os nosos devanceiros: Quiroga, Ribas do Sil e O Courel, de Jesús Río e Manoel Carrete, recompila fotografías da historia destes Concellos, marcada pola emigración dos seus habitantes Durante a presentación da obra lembrouse a importancia da emigración lucense en Barcelona, marcada pola intensa actividade do Centro Galego ou a celebración do San Froilán en Nou Barris, a 2º festa máis importante da capital catalana

O titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este venres no Salón de Actos da Deputación de Lugo a presentación do libro “Os nosos devanceiros: Quiroga, Ribas do Sil e O Courel”, libro que recolle un amplo conxunto de fotografías dos lugares e das xentes destes tres Concellos lugueses, retratados ó longo do século pasado. O Centro Galego de Barcelona editou esta obra de recompilación, levada a cabo por Manoel Carrete e Jesús Río, que constitúe un valioso documento etnográfico e que, tal e como destacou Jesús Río, naceu coa intención de lembrar un tempo no que as terras lucenses atopábanse cheas de xentes, lamentando que toda esta vida dera paso a pobos abandonados. “En moitas desas ocasións, Barcelona foi o destino de todas estas xentes”

Durante a súa intervención, Gómez Besteiro quixo destacar “o esforzo de ilusión e de traballo a prol da cultura de Galicia”, que leva o cabo o Centro, esforzo que o ten elevado a “un decisivo e importante carácter referencial no ámbito da promoción e difusión da lingua e da literatura galegas”. Tamén lembrou a importancia de figuras como León Rodríguez, Ameixeiras Sotelo, Manuel Carballo ou Silvestre Mosquera, fundadores do Centro; ou de figuras destacadas da cultura galega coma Manuel Casado Nieto ou Basilio Losada Castro, lucenses que tan estreita relación tiveron con Barcelona.

No acto de hoxe, que tamén contou coa presenza do Presidente da Federación de Entidades Culturais de Catalunya, Domingo Balboa e o seu Presidente de Honra, Luis Lamas Ávarez, os presentes no acto coincidiron en destacar a especialmente estreita relación existente entre a provincia de Lugo e Barcelona, ben representada no éxito da celebración do San Froilán, no distrito de Nou Barris, dende hai 18 anos e que reúne todos os anos a miles de lucenses e galegos na capital catalana e que, tal e como lembrou Luis Lamas, “conta sempre coa presenza do Presidente da Deputación de Lugo”.

Pola súa banda, Manoel Carrete, Presidente do Centro Galego de Barcelona, aproveitou para lembrar destacadas figuras relacionadas coa provincia de Lugo e con Barcelona, tal e como Rof Carballo e Rof Codina, e agradecer á Deputación o apoio que prestan á actividades que leva a cabo o Centro. O acto rematou co visionoado dun vídeo que recollía unha mostra de fotografías do libro.