Deputación de Lugo

Unhas 400 persoas de tódalas idades participaron xa nas actividades de lecer ecolóxico de Lugoteando

A xornada que tivo lugar hoxe en Foz reuniu a un centenar de mozos e maiores, que se suman ós 300 que gozaron xa do programa en Monforte, Vilalba e ViveiroAs seguintes citas da iniciativa coa que a Deputación aproveita os recursos medioambientais da provincia para xerar riqueza son o día 25 na Fonsagrada e entre o 7 e o 9 de setembro, en LugoPara inscribirse hai que chamar ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11, ou ben facelo na web www.deputacionlugo.org

Unhas 400 persoas de tódalas idades participaron xa nas actividades de lecer ecolóxico de Lugoteando nos catro concellos nos que se leva celebrado esta iniciativa impulsada pola Deputación para consolidar o medio ambiente como oportunidade económica da provincia. Deste xeito, o centenar de mozos e maiores que reuniu a xornada celebrada este domingo en Foz súmase ós 300 que gozaron xa das actividades en Monforte, Vilalba e Viveiro.

Surf, kite surf e paddle surf, así como paseos en bolas e bananas acuáticas, scooters acuáticos, skates eléctricos e long board foron as alternativas que ofreceu hoxe o programa na praia focense da Rapadoira, entre as 15:00 e as 20:00 horas.

A Deputación decidiu ampliar este ano, na súa terceira edición, o programa Lugoteando, tanto en número de concellos, como na duración, para que máis familias e xente nova poidan gozar das súas propostas e seguir potenciando o turismo, un sector que representa o 30% do PIB lucense. Deste xeito, a iniciativa inclúe esta vez actividades por toda a provincia e prolónganse durante tres meses, de xullo a setembro, fronte os dous das últimas edicións.

As seguintes citas de Lugoteando están fixadas para a próxima fin de semana, o 25 de agosto, na Praza do Museo da Fonsagrada, e para entre os días 6 e 9 de setembro, no río Miño ó seu paso pola capital lucense.

Para inscribirse
A inscrición pode facerse chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. Esta última opción non garante que haxa prazas libres. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades nas que desexen participar.