Deputación de Lugo

As comarcas da Zona Sur e A Mariña concentran máis da metade das solicitudes presentadas ó Pacto polo Emprego

Imaxe deputación de lugo
Monforte e Viveiro son as localidades dende as que a Deputación recibiu máis inscricións nos novos cursos que convocou para facilitar a inserción laboral dos desempregados da provinciaOs 340 beneficiarios da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego recibirán entre este mes de xullo e o de novembro formación teórica e práctica nas profesións con máis futuro: servizos sociais, medio ambiente e novas tecnoloxías

Das preto de 800 solicitudes que recibiu a Deputación de Lugo para participar nos novos cursos de inserción laboral que convocou a través da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, máis da metade, en concreto o 51,2% son de veciños das comarcas da Zona Sur e A Mariña. Dentro destas zonas, Monforte de Lemos e Viveiro son os municipios dende os que se rexistraron máis peticións, con 80 e 61, respectivamente.

En canto á Zona Sur, das 244 solicitudes recibidas, o 73% son dos Concellos da Ribeira Sacra (Monforte, Bóveda, O Saviñao, Pantón, Sober, A Pobra do Brollón, O Courel, Quiroga, Ribas de Sil, Taboada, Chantada e Carballedo) e o 27% restante, dos municipios da comarca de Sarria (o propio Concello sarriano, Láncara, O Páramo, Paradela, O Incio, Samos, Triacastela e Portomarín).

Polo que respecta á Mariña, entraron na Deputación 228 solicitudes, o que representa o 25% do total das 764 recibidas. Viveiro, Burela, Foz, Xove e Cervo son as localidades con máis demandantes.

Trala Zona Sur e a Costa, a terceira comarca en número de aspirantes ós cursos do Pacto polo Emprego é a da Terra Chá, con 131, o que representa o 15% do total. Dentro dela, Begonte, Cospeito e Castro de Rei son os Concellos con máis peticións. Á Chaira séguelle a comarca de Lugo, con 87 demandantes (o 10%) do total; A Montaña, con 60 (o 7%) e A Ulloa, con 14 (o 1,5%).

Unha vez contabilizadas e recibida a documentación de tódalas solicitudes, a Deputación está agora a realizar a selección dos 340 beneficiarios, aténdose ós criterios de valoración establecidos nas bases do Pacto, que poden consultarse na páxina web provincial, www.deputacionlugo.org Nesta mesma web publicarase a lista de admitidos e excluídos nos cursos, unha vez completada a selección.

Grazas ó programa, financiado ó 80% por fondos da Unión Europea, os participantes recibirán, sen custe algún, formación teórica nos xacementos de emprego, e realizarán prácticas en asociacións e empresas lucenses de sectores estreitamente vinculados con estas áreas. Entre finais deste mes de xullo e o mes de novembro impartiranse un total de 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes, todas elas vinculadas coas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistila crise: servizos sociais, medio ambiente e novas tecnoloxías.

O Pacto polo Emprego persegue mellorar a formación e, con elo, facilitar o acceso ó mercado laboral dos desempregados da provincia en xeral, e en especial das persoas con maiores dificultades, é dicir: mozos menores de 30 anos; maiores de 45 anos; desempregados de longa duración; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial; e vítimas de malos tratos; entre outros colectivos en risco de exclusión social.

O contido dos cursos

Os cursos ofertados son os seguintes: coidador de discapacitados físicos e psíquicos; atención especializada para enfermos de alzheimer; auxiliar de enfermería en xeriatría; dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; produtor de hortalizas ecolóxicas; actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; instalador de impermeabilización; mantedor, reparador de calefacción e auga quente sanitaria; edificación sostible; técnico en comercio exterior; xestión comercial das ventas; e administración de servidores e páxinas web. Ademais, como novidade con respecto á primeira parte do Pacto, impartirase un taller de emprendemento, no que os participantes recibirán información clave para iniciar o camiño da posta en marcha dun negocio propio.

Para facilitala participación, as accións formativas descentralizaranse, levándose a cabo nas áreas de influencia de Monforte de Lemos, Viveiro e Lugo, unhas localizacións que, en calquera caso, poderán sufrir cambios en función da demanda rexistrada.

Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM. As persoas interesadas poden encontrar información sobre esta iniciativa na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org

Máis inserción laboral

Coa segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, a Deputación dá continuidade ós proxectos que, a pesar de non ter as competencias directas en emprego, leva impulsado para dinamizar o mercado laboral, tales como a propia primeira parte do Pacto, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando; o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas, ou as becas medioambientais Lug02, que acadaron unha inserción laboral do 50%. O organismo lugués poñerá tamén en marcha o Plan Integral Agropecuario e Forestal, que formará a 900 persoas para potencialo emprendemento nestes sectores vitais para o tecido socioeconómico de Lugo.