Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o Resurrection Fest, que reúne a unhas 30.000 persoas e deixa en Viveiro máis de 1,4 millóns de euros

A Vicepresidenta Segunda, o Alcalde viveirense e os organizadores, Iván e David Méndez, presentaron no Concello a sétima edición deste festival hardcore, punk e heavy metal con proxección internacionalO evento acollerá a máis de medio centenar de artistas nos tres escenarios ubicados no novo campo de fútbol de Lavandeiras durante este xoves, venres e sábadoAs entradas poden adquirirse en www.resurrection-fest.com a 55 euros o bono anticipado de tres días, e 59, en ventá; e a 35 euros a localidade anticipada de un día e 39, en ventá

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Alcalde viveirense, Melchor Roel, e os organizadores do Resurrection Fest, Iván e David Méndez, presentaron este mércores no Concello mariñano a sétima edición deste festival hardcore, punk e heavy metal, un evento que reúne a unhas 30.000 persoas e deixa en Viveiro máis de 1,4 millóns de euros. A súa proxección internacional, xunto co impacto que ten na economía local, levou ó organismo provincial a apoiar por segundo ano consecutivo a cita musical, que reunirá entre este xoves e o sábado a máis de medio centenar de bandas de música nos tres escenarios situados no novo campo de fútbol de Lavandeiras.
Lara Méndez subliñou “a necesidade de manter, e incluso potenciar, citas coma esta no actual contexto de crise económica, polo que supoñen de escaparate promocional da comarca da Mariña e de toda a provincia no exterior, e polo seu extraordinario retorno económico. O Resurrection Fest atrae a miles de persoas de toda Europa, que veñen, e repiten, o que contribúe a promocionar os nosos recursos fóra, ademais de xerar riqueza en sectores estratéxicos do noso tecido económico, como a hostalería e o turismo”.
A Vicepresidenta salientou ademais que a achega da Deputación, de 10.000 euros -a mesma contía que aportou o pasado ano- serve para “potenciar o respecto polo medio ambiente e as prácticas de reciclaxe que xa caracteriza a esta cita musical”. “Hai moitos prexuízos sobre este tipo de festivais, existe a crenza de que se provocan estragos, sucidade... pero o Resurrection Fest é un exemplo de que isto non é así, senón que hai moi bo ambiente, en tódolos sentidos”, engadiu Méndez.
Pola súa banda, o Alcalde, ademais de agradecer a colaboración do organsimo provincial, afirmou que “esta é unha das edicións de maior calidade dos últimos anos, coa incorporación de grupos galegos e cunha infraestructura que esperemos lle de a calidade que necesita a aqueles que nos veñen visitar”. Tamén destacou que este evento “ademáis dun feito cultural, se transformou nun feito socioeconómico de primeira liña para Viveiro e a súa comarca”. Asimesmo, o rexidor aproveitou esta ocasión para aclarar asuntos sobre a seguridade do festival e para recalcar ás institucións que teñen pendentes subvencións regladas que o Resurrection Fest “é o maior concerto con entrada de toda Galicia”.
Os organizadores do Resurrection Fest aseguraron, pola súa banda, que “buscan ofrecer o mellor festival, a mellor experiencia para os fans”. Do mesmo xeito, e na liña do que destacou a deputada, David e Iván insistiron nas diferentes iniciativas que se levan a cabo neste evento en defensa do medioambiente como poden ser: o material reciclable que se empregará nos concertos, a colaboración con ONGs en beneficio dos animais e do medioambiente así como o programa “A moverse” co que intentan fomentar o transporte público, xa que se ofrece a posibilidade de que diferentes persoas de distinas partes de España veñan no mesmo coche, reducindo así o CO2.
Cunha traxectoria de 7 anos, o Resurrection Fest está considerado o maior festival hardcore, punk e heavy metal de toda a Península, e é un referente a nivel europeo, sendo indiscutible a súa gran repercusión social, mediática e económica. En tan só tres días, este evento, deixa na cidade do Landro máis de 1,4 millóns de euros, segundo confirma un estudo socioeconómico elaborado o pasado ano pola Universidade da Coruña.
O cartel deste ano
O obxectivo fundamental deste evento, que conta este ano cun orzamento de 700.000 euros, é reunir ós principais grupos de música hardcore do panorama internacional e ás bandas emerxentes máis destacadas do país. Nesta sétima edición, como novidade, estrease un novo recinto, o novo campo de fútbol de Lavandeiras, cunha extensión de 24.000 metros cadrados, onde se colocarán os tres escenarios: o principal ou Monster; o secundario ou Jagermeister; e o terceiro ou Arnette, que se inaugura tamén este ano, acollendo concertos de 16 grupos. Neste último escenario soarán os directos de “Stigma”, “A New Heaven Arise”, “The Brosas”, “In Vivo”, “Kill as One”, “Amaterasu”, “Opcoming Of Devastation”, “Fields”, “Above The Seas”, “End Of Truth”, “Strikeback”, “Raze”, “Rain Is Art”, “Mary Read”, “The Chaos Is Coming” y “Against Authority”. O mesmo plató recibirá concertos en acústico de “Anti-Flag”, “Berri Txarrak”, “Tim Vantol” e “Back to 1984”.
O resto do cartel, composto por medio centenar de artistas, intégrano bandas como “Suicidal Tendencies”, “Against Me!”, “Descendents”, “At The Gates”, “Agnostic Front”, “Nasum”, “Converge”, “Soziedad Alkoholica”, “Adrift”, “G.A.S Drummers” o “Moksha”.
Como facerse coas entradas
As entradas poden adquirirse aínda na páxina web do festival (www.resurrection-fest.com) así como en diferentes establecementos de distintas localidades; sendo de 55 euros o prezo anticipado do bono de tres días, e de 59 en ventá; e de 35 euros o prezo anticipado dun día, e de 39 en ventá. Acampada libre en San Roque e no parque Pernas Peón de Covas, de onde sairán buses cara o estadio de fútbol cada 20 minutos aproximadamente, exhibicións de skateboard e sesión de Djs tras rematar os concertos poñen o broche final á sétima edición deste evento, no que hai preparados máis de 20 viaxes dende as principais cidades de España, Oporto e incluso a zona sur de Francia, con destino Viveiro para asistir ó maior festival de música dura da Península.

Naceu da man de dous rapaces
No ano 2006 naceu este evento musical de mans de dous rapaces nun concerto en Nova Iork, que se propuxeron facer un concerto de heavy, ó que lle chamarían Viveiro Summer Fest, durante as festas da cidade do Landro. Malia o apoio do Alcalde do Concello e a súa boa acollida, tivo que suspenderse pola enfermidade dun dos compoñentes da única banda asistente: Sick of it all. Tan só uns meses despois, en novembro, e logo das innumerables críticas que recibiron os mozos, o festival levouse a cabo baixo un novo nome: Resurrection Fest. Así, tras seis edicións, esta cita foi crecendo ata ser considerada o maior festival hardcore, punk e heavy metal de toda a península. No ano 2010, o formato do festival pasou a durar tres días e a aumentar, tanto o número de asistentes, como o de bandas participantes hasta chegar aun total de 150.