Deputación de Lugo

A Deputación organiza por 1ª vez Obradoiros Infantís de Artesanía no verán, ampliando a idade dos participantes ata os 16 anos

Regina Polín presentou a programación de 12 cursos de graffiti, coiro, xoiería, cestaría de reciclaxe, pintura e monicreques, que organiza o Centrad durante os meses de xullo e agostoCon 180 prazas dispoñibles, a institución triplica as localidades para “achegar a máis mozos á artesanía e ás técnicas artísticas máis modernas e conciliar a vida familiar e laboral”As inscricións poderán facerse dende o 18 de xuño, presentando as solicitudes por escrito no Rexistro do Inludes. Máis información en http://www.deputacionlugo.org/ e http://www.centrad.org/

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este martes os Obradoiros de Artesanía Infantís para o verán. É a 1ª convocatoira de cursos que o Centro de Artesanía e Deseño ofrece ós máis novos durante a tempada estival, incluíndo varias novidades: a idade dos seus participantes amplíase ata os 16 anos, o número de prazas triplícase e as materias impartidas versan sobre a elaboración de grafittis, pezas de coiro, xoiería, cestería de reciclaxe, pintura e monicreques. Regina Polín subliñou que “logo do éxito das xornadas que organizamos durante o Nadal e a Semana Santa, nas que en poucas horas esgotamos as localidades dispoñibles, reeditamos esta exitosa iniciativa, cumprindo un dobre obxectivo: achegar a máis mozos á rica tradicional artesanal da provincia e as técnicas artísticas máis modernas, e contribuír a vida familiar e laboral”.

Son 12 cursos didácticos, totalmente gratuitos, dirixidos a rapaces de entre 5 a 16 anos, que se desenvolverán nas instalacións do Centrad, na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, dende o 2 de xullo ó 31 de agosto en varias quendas: do 2 ó 6 e do 9 ó 13 en xullo, e do 20 ó 24 e do 27 ó 31 en agosto. Trátanse de xornadas adaptadas ás idades dos participantes:

- obradoiros de monicreques ou pintura para nenos de 5 a 10 anos. No primeiro do casos, poderán confeccionar bonecos, títeres ou outros obxectos como espellos con materiais de refugallo. No segundo, aprenderán diferentes técnicas de pintura para traballar nas súas pequenas obras de arte de xeito individual ou colectivo.

- obradoiros de xoiería e cestaría de reciclaxe para nenos de 8 a 14. Farán prendedores, colgantes ou chaveiros en arxila, que moldearán e pintarán eles mesmos. Con papel de periódico, roupa vella ou bolsas de plástico poderán confeccionar cestos e tapices.

- obradoiros de grafitti e coiro para os rapaces de 12 a 16 anos que, por primeira vez, se incorporan á programación do CENTRAD. Terán a oportunidade de descubrir as súas habilidades coa pintura de spray para deixar a súa pegada en paneles de DM. Crearán as súas propias pulseiras ou carteiras de coiro.

180 prazas

O Centro de Artesanía e Deseño triplica o número de prazas dispoñibles con respecto á convocatoria de Semana Santa, pasando de 60 ás 180 prazas. Son 15 localidades por obradoiro. Un 15% das mesmas está reservada para nenos con necesidades especiais.

En canto ó horario, os obradoiros darán comezo ás 9:00 horas e prolongaranse ata as 14:00 horas. No caso dos rapaces con necesidades especiais, coma en anteriores edicións, haberá flexibilidade en canto á idade e ós horarios para aproveitar a experiencia.

Inscrición

A inscrición poderá facerse dende o 18 ó 27 de xuño para os obradoiros da primeira quenda e do 18 de Xuño ó 14 de Agosto para a segunda quenda, no departamento de Rexistro do Inludes, onde se deberá presentar a solicitude cuberta e un xustificante de que os pais, nais ou titores están a traballar. Poderase descargar dito modelo de solicitude nas páxinas http://www.deputacionlugo.org/ e http://www.centrad.org/, ou adquirilo directamento no Inludes. As inscricións faranse por rigorosa orde de solicitude, aínda que terán preferencia os rapaces cuxos proxenitores traballen e os que quedasen fóra de convocatorias anteriores.