Deputación de Lugo

Deputación e asociación veciñal de Friolfe colaboran para dotar a esta parroquia paramesa de 230 veciños dun campo da festa de 5.000 metros

A Vicepresidenta segunda do organismo lugués supervisou os traballos acometidos no recinto, no que o colectivo veciñal prevé levantar un centro socialAs actuacións foron realizadas polas máquinas do Parque Móbil provincial e consistiron na habilitación dunha explanada asfaltada, que conta na actualidade con 70 prazas de aparcamento

A Vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, supervisou este domingo as actuacións levadas a cabo para dotar a San Xoán de Friolfe, a parroquia máis grande e poboada do Concello do Páramo, dun amplo e funcional campo da festa de 5.000 metros cadrados. Esta nova dotación, que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos ó redor de 230 veciños cos que conta o núcleo paramés, foi posible grazas á colaboración do organismo provincial coa Asociación de Veciños de Friolfe. Ademais, a actuación levada a cabo serve para incrementar o atractivo do patrimonio desta parroquia, posto que o novo campo da fesa está situado a carón da igrexa románica de San Xoán.

Os traballos a cargo da Deputación foron realizados polas máquinas do Parque Móbil provincial e consistiron na habilitación dunha explanada asfaltada, que na actualidade conta con 70 prazas de aparcamento e na que o colectivo veciñal prevé levantar un centro social de 80 metros cadrados. En concreto, para acometer estas obras, a institución luguesa desprazou unha pala, unha motoniveladora e un camión. A este equipo sumouse unha pala para facelo desmonte sufragada pola propia asociación de veciños, e os propios habitantes da parroquia puxeron da súa parte os seus tractores e remolques para facilitar os movementos de terra necesarios. O colectivo veciñal de Friolfe, cuxo presidente é José Fernández López e o vicepresidente, Jesús Liz López, conta cuns 80 socios.

Esta nova actuación súmase ás que a Deputación de Lugo leva rematado na provincia no que vai de ano coas máquinas do Parque Móbil. Son un total de 80 quilómetros de vías dos Concellos do Páramo, O Corgo, Sober e O Incio, nas que se efectuaron tarefas de acondicionamento con maquinaria e persoal especializado do Parque Móbil provincial, e que supoñen un desembolso, tendo en conta os prezos de mercado, de 1 millón de euros como mínimo, que os Concellos non se viron na obriga de facer. A comezos deste mes de xuño, a Xunta de Goberno da institución provincial vén aprobou un novo investimento de 483.000 euros no arranxo de vías de carácter estritamente municipal. Esta cantidade empregarase na compra de combustible e materiais para que as máquinas no Parque Móbil continúen outros dous anos a súa actividade en todos os Concellos da provincia.