Deputación de Lugo

A Deputación abre o prazo para elixir ós 25 artesáns que participarán na 16ª edición de Artesanfroilán

Os profesionais interesados poden consultar xa as bases da convocatoria de selección na web www.centrad.org, e descargar o formulario que, xunto á documentación requirida, deben presentar no Rexistro do INLUDES antes do 31 de agosto para formalizala inscriciónRegina Polín explicou que o 80% das prazas dispoñibles para a cita, que terá lugar entre os días 5 e 12 de outubro na capital lucense, están reservadas para artesáns lugueses, “co que damos prioridade absoluta ós profesionais da provincia”

A Deputación de Lugo abriu este mércores o proceso que desembocará na selección dos 25 artesáns que participarán na 16ª edición de Artesanfroilán, unha cita que se celebrará entre o 5 e o 12 de outubro, coincidindo coas patronais da capital lucense, na céntrica praza de Anxo Fernández Gómez. A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, explicou en rolda de prensa que todos aqueles artesáns interesados en expoñer as súas creacións neste evento poden consultar dende hoxe mesmo na web www.centrad.org as bases da convocatoria de selección, onde atoparán tamén o formulario que deberán cubrir e entregar, xunto coa documentación requirida, antes do 31 de agosto no Rexistro do INLUDES para formalizar a súa inscrición.
Das 25 prazas dispoñibles para participar en Artesanfroilán, o 80% están reservadas para os profesionais da provincia, “co que damos prioridade absoluta ós artesáns lugueses”, subliñou Regina Polín. Ademais, no caso de que o 20% restante dos espazos non se cubra con profesionais foráneos, as prazas vacantes quedarán a disposición dos artesáns da provincia de Lugo.
Criterios para a selección
Ao longo do mes de setembro, a comisión organizadora -composta pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; a xefa da citada área provincial, Margarita López Blanco; Dolores Palacios Lagarón, traballadora do obradoiro do traxe rexional da área referida; Luciano Pérez Díaz, mestre do obradoiro de instrumentos musicais; e Joao Fernándes de Brito, mestre do obradoiro de madeira- seleccionará ós 25 profesionais, tendo en conta os seguintes criterios, que, segundo destacou Polín, garanten “a total transparencia do proceso de selección”:
Que a documentación esixida na solicitude sexa lexible e estea completa.
Que estean representadas o maior número posible de disciplinas artesanais.
Que os produtos presentados sexan orixinais, innovadores, ecolóxicos, sustentables ou representen calquera outro valor engadido, consolidado ou pioneiro, á oferta que habitualmente se fai dende o sector artesanal.
Que, se é posible, todas as comarcas da provincia estean representadas nesta feira.
Unha vez comunicada a selección dos candidatos, abrirase o prazo para o ingreso do canon de participación, do cal se remitirá fotocopia xustificativa á Área de Deseño e Artesanía. A taxa é de 60 euros por metro cadrado e, tendo en conta que cada expositor ten 6 metros cadrados, cada artesán deberá achegar 360 euros, “un importe moi asequible, segundo nos manifestan os propios artesáns, tendo en conta o nivel de promoción que leva consigo a feira”, subliñou Regina Polín.
Potencia o sector
A Deputación e o Concello de Lugo pretenden potenciar e beneficiar con esta feira ó sector artesanal, e máis que nada ó sector lugués, xa que o beneficio acadado en edicións anteriores sitúase preto dos 100.000 euros. Un ano máis, a organización tamén premia con 1.000 euros ó mellor expositor, galardón que se fará efectivo mediante transferencia bancaria logo da finalización da feira. Os requisitos indispensables para optar a este recoñemento, tal e como se recollen nas bases do concurso feitas públicas, serán: o deseño do stand, a presentación do produto, a súa orixinalidade, o seu carácter ecolóxico e sustentable e calquera outro que supoña un esforzo decidido por mellorar a imaxe desta feira de artesanía.