Deputación de Lugo

Preto de 300 lucenses redescubrirán esta semana a riqueza natural e cultural da provincia nas rutas de Km0

Os seis itinerarios programados para entre hoxe e o xoves discorrerán pola Zona Sur, A Mariña, A Montaña e Terra Chá O Deputado de Economía do Coñecemento recibiu este martes a un grupo de 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa focense, e a outros 48 membros da Escola de Música de Sober, que gozaron de rutas por Láncara e Foz, respectivamente

Preto de 300 lucenses redescubrirán nas rutas de Km0 da Deputación programadas para esta última semana de xuño a riqueza natural e cultural da provincia, así como os seus recursos socioeconómicos, contribuíndo deste xeito a dinamizar a economía local. Os seis itinerarios organizados para entre hoxe e o xoves discorrerán pola Zona Sur, A Mariña, A Montaña e Terra Chá.

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ós dous grupos que abriron a programación desta semana: 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa de Foz e 48 membros da Escola de Música de Sober, que gozaron de rutas por Láncara e Foz, respectivamente. Á saída do Pazo provincial, o colectivo focense continuou o itinerario cun paseo polas inmediacións do Río Miño, a ponte de Carracedo, o campo da festa de Vilarmosteiro e San Facundo. Os participantes comeron no restaurante Casa Grande de Láncara e visitaron a confitería Maceda. Polo que respecta ó grupo soberino, tralo percorrido por San Marcos, coñeceu a olería de Bonxe e comeu no restaurante O Lar de Foz para logo dar un paseo polas praias de Llas, A Rapadoira, Altar e Arealonga, así como polo porto da vila mariñana.

A programación continuará mañá mércores con rutas por A Ulloa e O Courel, das que gozarán, respectivamente, 48 persoas anotadas en Km0 de xeito individual e outras 48 da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Lois Tobío de Viveiro. O primeiro grupo achegarase ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e logo desprazarase ó conxunto de Santa María de Amarante, comerá no restaurante Parada das Bestas de Pidre e fará un tramo da ruta de sendeirismo por Torrentes do Ulla. Pola súa banda, o itinerario solicitado pola ANPA do Lois Tobío inclúe paradas na Fundación TIC, dependente do organismo provincial, nos castros do Vilar e da Torre, e na aldea de Seceda. A comida terá lugar no Campamento O Courel.

As rutas da semana concluirán o xoves e terán como destino Cervantes e Guitiriz. No primeiro caso, foi demandada por 48 integrantes da Asociación de Veciños de Castromaior, de Abadín, e consiste nunha visita ó CENTRAD, unha comida no hostal Piornedo e percorridos por Piornedo, a palloza do Sesto e a igrexa de Donís. En canto á ruta de Guitiriz, 55 membros da ANPA do colexio alfocense Castro de Ouro achegaranse á Fundación TIC, darán un paseo polos xardíns do balneario guitiricense e a fonte, comerán no restaurante La Casilla, farán un tramo dunha ruta de sendeirismo, coñecerán o reloxio analemático e visitarán a Panadería La Esquina.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en http://www.deputacionlugo.org/ onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.