Deputación de Lugo

A achega de 100.000 euros da Deputación garante a viabilidade do Máster de Riscos Laborais da USC en Lugo ata o ano 2017

A Vicepresidenta Segunda clausurou a 4ª edición deste curso de posgrao, que a Universidade celebra dende 2007 grazas ó apoio económico do organismo provincial e que xa leva especializado a 100 profesionais no ámbito dos Riscos LaboraisA institución luguesa segue deste xeito apostando “pola formación nas profesións con máis futuro para favorecer a inserción laboral”, subliñou Méndez, “pois hoxe tódalas empresas teñen un gabinete de prevención ou contratan este servizo a persoal externo”A Deputada enmarcou o apoio ó máster na “alianza estratéxica” que a Deputación mantén co Campus lucense, “fronte ós recortes doutras administracións”

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou este venres no acto de clausura e entrega de diplomas da 4ª edición do máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) imparte na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. O organismo provincial, que aporta o groso do orzamento para que este máster poida celebrarse dende o ano 2007, seguirá mantendo o seu apoio financeiro, achegando 100.000 euros, co obxectivo de garantir a viabilidade económica da acción formativa durante outras 5 edicións, é dicir, ata o curso 2016/2017. De feito, Deputación e USC teñen asinado xa un convenio de colaboración no que se materializa este compromiso financeiro por parte da institución luguesa, un compromiso que responde, segundo destacou Lara Méndez, “á nosa aposta pola formación especializada nas ramas profesionais con máis futuro para favorecer a inserción laboral”.

“Hai que ter en conta que todas as empresas teñen na actualidade un gabinete de prevención de riscos laborais ou contratan estes servizos a persoal externo, polo que cada vez hai unha maior demanda de profesionais especializados que sexan capaces de implantar condutas e actitudes que reduzan a siniestralidade e aumenten o benestar no traballo”, explicou a Vicepresidenta. Boa conta disto dáa o feito de que as 20 prazas dispoñibles cada ano neste máster cóbrense sempre na súa totalidade, superando ademais en tódolos casos a demanda á oferta.

A Deputación achegou 100.000 euros entre o 2007 e este 2012 para financiar o máster e, co fin de garantir outras 5 edicións achegará -como está previsto no convenio asinado coa Universidade compostelana- outros 100.000 euros entre o ano 2013 e o 2017.

Grazas ó máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Ambiental da Universidade de Santiago, lévanse especializado nesta materia un centenar de profesionais, principalmente enxeñeiros e arquitectos, que, ó completar este curso de posgrao, reciben unha titulación oficial recoñecida pola Xunta en Coordinación de Seguridade e Saúde na Construción. De calquera xeito, o perfil dos destinatarios deste máster é moi amplo –o requisito é dispoñer dun título universitario oficial-, polo que tamén pasaron polo mesmo titulados en Relacións Laborais, químicos ou biólogos. En canto á procedencia, os alumnos chegan de toda Galicia e de Sudamérica. Estes últimos fan este curso no marco de convenios entre a universidade do seu país de orixe e a compostelana.

As saídas profesionais
Os alumnos que rematen o curso de posgrao universitario poden ter unha saída profesional, tanto para a empresa privada, como en entidades públicas, especialmente como Técnico Superior de Riscos Laborais nas especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada, así como os referidos á formación en auditorías; protección de riscos laborais na construción, e toxicoloxía laboral e saúde medioambiental.

Continuo apoio ó Campus
O apoio ó máster en Prevención de Riscos Laborais enmárcase, segundo destacou a Vicepresidenta Segunda, na alianza estratéxica “que mantemos co Campus Universitario de Lugo dende hai 26 anos, cando os nosos predecesores na Deputación iniciaron un camiño que permitiu poñer en marcha a Facultade de Veterinaria”. Froitos desa alianza son, “por un lado, o investimento de 7 millóns de euros na ampliación e modernización deste Campus: a nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), xa rematada; o apoio á estación biolóxica do Courel...; e, por outro, o investimento de ó redor de 1 millón de euros en accións de formación e divulgación emprendidas ou respaldadas pola Universidade de Santiago en Lugo dende o ano 2008, como este máster de Riscos Laborais; o máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, pioneiro en España, que Maxisterio organizou este ano por primeira vez; o máster Paulo Fabio en Dirección de Recursos Humanos da Escola de Relacións Laborais, que chegou á súa 7º edición; os cursos de verán da Universidade...” A maiores, a Deputada lembrou outras actuacións da Deputación en materia de formación, como a nova sede da UNED en Lugo, ou a posta en en marcha de preto de 150 bolsas de emprego para mozos titulados.
Blindaxe das políticas sociais, fronte a tesoiradas
Todo isto, concluíu, pon de manifesto que, “mentres outras administracións se están arriscando a recortar, a meter tesoiradas na Educación: soben as taxas universitarias; reducen titulacións; suprimen unidades escolares e postos de mestre, sobre todo no rural; afogan un modelo sociopedagóxico como Preescolar na Casa... todo elo cunha forte contestación social porque pon en perigo os mesmos cementos do noso Estado de Benestar, nós non recortamos nin un só euro en políticas sociais porque entendemos que, en épocas de crise, estas deben permanecer blindadas. Cremos que é unha inversión imprescindible para afrontar con éxito o futuro, para loitar contra o desemprego e saír reforzados da crise”.