Deputación de Lugo

30 artesáns déronse cita hoxe na VIII Feira de Artesanía de Pallares impulsada pola Deputación

Imaxe deputación de lugo
A institución colaborou coa Asociación de Amigos do Mosteiro na celebración desta cita con fins económicos, achegando o 50% do orzamento necesario para este festexoUns 30 postos albergaron o traballo doutos tantos artesáns de Guntín, Monterroso e Cambre que elaboraron pezas de cestería, ferrería, olería, ebanistería ou apiculturaUnha degustación gratuíta de filloas, unha comida de confraternidade e unha malla veciñal puxeron o broche de ouro a esta cita que potencia a riqueza tradicional e gastronómica da provincia dende o 2004

O organismo provincial colaborou coa Asociación de Amigos do Mosteiro na organización da VIII Feira de Artesanía de Pallares, que tivo lugar hoxe domingo no contorno do Mosteiro de Pallares. E é que esta iniciativa enmarcase dentro da aposta da institución provincial polo impulso dos produtos autóctonos e dos oficios artesanais, como sinais de identidade e atractivo da provincia para xerar riqueza. Por ese motivo, achegou o 50% do orzamento necesario para a celebración da VIII convocatoria deste festexo, uns 2.000 euros concedidos mediante o Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES.

O Deputado Provincial Álvaro Santos, asistiu á oitava convocatoria desta feira, unha romaría que concentrou a preto de 1.000 persoas. Neste encontro, que contribúe a dar conta do valor engadido dos oficios artesanais e da gastronomía lucense, déronse cita dende primeira hora da mañá uns 30 artesáns de Guntín Monterroso e Cambre que elaboraron en vivo e ó completo pezas artesanais de cestería, ferrería, olería, ebanistería ou apicultura ó mesmo tempo que 3 filloeiras preparaban centos de filloas, que se puideron degustar gratuitamente a partir das 13:00 horas.

O millar de persoas que se acercou ata esta localidade lucense tivo a oportunidade de ver en directo unha recreación de cociña tradicional, onde puideron aprender a facer queixo de xeito artesanal. Ademais, tivo lugar a lectura do pregón que conmemorou e honrou ós antepasados de Guntín, que defenderon o mosteiro en época de guerra e unha cerimonia relixiosa. Una comida de confraternidade, cun custo de 22 euros para os socios e os 24 para os non socios, e unha malla veciñal puxeron o broche de ouro a esta cita que potencia a riqueza tradicional e gastronómica da provincia dende o ano 2004.