Deputación de Lugo

A Deputación manterá no Concello de Castro de Rei os 500.000 euros que perdeu o Alcalde

García Porto salientou que “aínda que o Rexedor perdeu o medio millón de euros que lle ingresou por adiantado a institución provincial, manterémolo no municipio, sumándoo ó Centro de Recría”Balado ten que devolver 500.000 euros máis xuros ó organismo lugués por non facer obras malia ter os cartos da Deputación, ampliarlle o prazo de execución e coñecer os requisitos do convenioA Deputación avanza na canalización dos 28.000 m3 de purines do Centro de Recría e constrúe 12 silos de grandes dimensións tras concluír as estruturas das 13 naves que se estenden en 25.000 m2

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, e o Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, adiantaron este mércores que a institución provincial manterá en Castro de Rei o investimento de 500.000 euros que vén de perder o Alcalde deste Concello, Javier Balado Teijeiro. García Porto subliñou que “a Deputación non vai a permitir que os veciños deste municipio sexan vítimas da mala xestión do seu Rexedor. O medio millón de euros que Balado deixou escapar malia a situación económica e todas as explicacións e prazos que se lle deu dende o organismo provincial, non sairá do Concello. Adicarémolo ó impulso da economía, do emprego, da gandeiría en Castro, reforzando as actuacións do 1º centro público de recría de gando en España que estamos a construír nas instalacións da granxa Gayoso Castro. Os veciños poden estar tranquilos. O investimento non sairá de aquí aínda que Balado fixese todos incumprimentos posibles”.

García Porto salientou que, deste xeito, a Deputación “solventa a nefasta xestión” realizada polo actual Alcalde dos fondos que hai máis dun ano lle concedeu a institución provincial a este municipio, a través dun convenio de colaboración que xa fora asinado polo anterior Rexedor de Castro de Rei. “A cronoloxía dos feitos non deixa lugar a dúbidas”:

1.- En abril de 2011, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e por aquel entón o Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, asinaban un convenio mediante o cal o Concello chairego recibía 500.000 euros do organismo lugués para melloras de servizos municipias, aforrando cartos ás arcas locais. O convenio tiña vixencia ata decembro. É dicir, establecía que este era o prazo máximo para a realización da totalidade dos traballos. Co fin garantir a súa execución, a Deputación adiantaba ó municipio o 100% da axuda económica. “En plena crise, Díaz Valiño acadaba unha importante inxección de diñeiro de diferentes administracións para atender as necesidades dos seus veciños”, puntualizou.

2.- En novembro dese mesmo ano, Balado informou á institución provincial que tiña sen acometer máis do 70% das obras acordadas. Tratábanse das actuacións de acondicionamento na rede de abastecemento de auga nas parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Ribeiras de Lea, para as que a Deputación xa aboara 360.600 euros.

3.- Ante esta situación, o organismo lugués alertou por escrito ó Rexedor dos urxentes e imprescindibles trámites que tiña que realizar co obxectivo de que os veciños non perdesen o medio millón de euros, remarcándolle, ademais, os prazos establecidos. Estes consistían na petición dunha pórroga antes de concluír o prazo de execución das obras, é dicir, previamente ó 31 de decembro, e con tempo suficiente para que esta fose ratificaba pola Xunta de Goberno Provincial. “En tempo límite, fomos capaces de axilizar todos os procedementos, concedéndolle ó Alcalde unha pórroga poucos días antes de derrogarse o convenio”.

4.- Froito destas advertencias, en xaneiro de 2012, Besteiro e Balado asinaban unha addenda ó convenio coa que se ampliou o prazo de finalización das obras ata o 29 de febreiro deste ano. Todas as actuacións deberían estar realizadas nesta data, podendo entregar a documentación xustificativa da execución das mesmas durante dito período ata o 30 de xuño de 2012.

5.- “Facendo caso omiso” ós avisos da institución provincial, o Alcalde solicitou unha nova pórroga fóra dos marxes legais establecidos. Fíxoo o 20 de xuño, cando xa rematara o prazo máximo para realizar os traballos (29 de febreiro), sendo imposible a ampliación deste período. “Balado perdeu medio millón de euros que agora terá que devolver á Deputación”, salientou a vicevoceira. Neste senso, hai que ter en conta as cláusulas do convenio asinado polo propio Rexedor, que dictan: “no caso de non executarse a totalidade da cantidade aboada en concepto de anticipo -500.000 euros- procederase ó reintegro da cantidade percibida e a esixencia de xuros de demora correspondentes dende o momento do pagamento ata que se acorde a procedencia do reintegro. Comprenderase a obra completa, incluso no suposto de cofinanciamento con outras Administracións Públicas, sen que se poidan executar partes illadas do proxecto”. É dicir, ó non aproveitar a pórroga xa que durante meses non se avanzou nos traballos pendentes, Balado terá agora que darlle á institución luguesa o medio millóns de euros máis os xuros correspondentes da demora, a pesares dos reiterados avisos do organismo provincial.

Avances no Centro de Recría

Tal e como adiantou a vicevoceira, a Deputación manterá este investimento no Concello de Castro de Rei, achegándoo as obras de construción do 1º Centro de Recría público en España de gando vacún. García Porto destacou que na actualidade estanse a executar traballos por valor de 6 millóns de euros, financiados ó 100% polo organismo lugués logo de que a Xunta, administración galega con plenas competencias no medio rural que demorou durante máis de 1 ano este proxecto ó non conceder a licencia imprescindible para poder iniciar as obras, se negase a colaborar economicamente e ata visitar as actuacións que realiza en solitario a institución luguesa. Malia e todo, hoxe estanse a realizar os traballos de canalización dos 28.000 metros cúbicos de purines que se xerarán ó ano nestas instalacións. Este sistema permitirá que todos os residuos vaian a unha depuradora, distribuíndoos en sólidos e líquidos para convertelos en enerxía, facendo unha xestión sostible, así como aforrando custes. Tamén se están a construír 12 silos de 9 metros de ancho por 30 de alto onde se situará o forraxe. Ademais, na granxa chairega xa se poden ver as estruturas das 13 naves de recría que acollerán 3.000 novillas ó estendérense en 25.000 metros cadrados. A vicevoceira explicou que o novo orzamento irase incorporando progresivamente en función do avance das obras, dotadas dun total de 12 millóns de euros.

“Feijóo e Balado castigaron a actividade económica do Concello”

García Porto remarcou que “Feijóo, o Alcalde e os seus compañeiros de partido mentiron ós veciños e pecharon o Hospital San Rafael malia as viables alternativas que lles ofrecemos xunto a Fudace, reducindo a actividade económica do municipio. En contraposición, esta Deputación cumpre coa súa palabra e logrará reactivar este Concello. O Centro de Recría vai a ser unha realidade si ou si. Vamos a converter a Castro de Rei na capital gandeira por excelencia en Galicia. O municipio chairego esta sendo escenario do proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo na Comunidade durante as últimas décadas xa que vai a triplicar a capacidade de recría existente en todo o territorio galego. Os gandeiros, piar da economía non só da Terra Chá senón de toda a provincia luguesa, aforrarán miles de custes, recriando aquí as súas novillas. Ademais, tendo en conta o valor engadido que adquirirán as 3.000 reses que acolla o Centro, así como os materiais necesarios que teremos que adquirir a empresas luguesas para a súa recría, o volume de negocio que xerará este proxecto superará ós 3 millóns de euros, cartos que quedarán en Castro de Rei e nos restantes Concellos lugueses. Nunha provincia 100% rural coma Lugo, temos que apostar polo campo para crear emprego, novas oportunidades económicas e frear o abandono do rural mediante iniciativas como o noso Centro de Recría”.