Deputación de Lugo

Máis de 600 asociacións veciñais da provincia solicitan axudas á Deputación para executar obras municipais

Son os solicitantes do Plan de Comunidades Veciñais, que se incrementan en case un 5% con respecto a 2011, “amosando a necesidade destas actuacións que os Concellos non poden asumir”Martínez avanza que en xullo resolverase este proxecto no que, por 1ª vez, a institución faise cargo de todos os custes, achegando 2 millóns de euros para mellorar servizos públicos no rural luguésIniciase a contratación de aplicacións informáticas para incrementar os 143 trámites coa Deputación e os Concellos dende Internet e dixitalizar os datos administrativos, aforrando 64.000 euros anuais

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres que a Deputación recibiu 612 solicitudes de asociacións da provincia co fin de acadar axudas do Plan de Comunidades Veciñais para 2012. Martínez salientou que esta cantidade supón que o número de peticións recibidas se incrementase en case un 5% con respecto á convocatoria do ano pasado, feito que “amosa a necesidade destas pequenas obras municipais, que demandan máis e máis cidadáns para mellorar os seus servizos públicos ou conservar o patrimonio, e que dende os Concellos nos resulta imposible asumir”.

A institución luguesa resolverá o Plan en xullo, concedendo ós colectivos que resulten beneficiados tanto o custe total das obras como o asesoramento técnico necesario para executalas. Estas son, precisamente, as novidades deste proxecto en 2012. Anteriormente, a Deputación asumía o 75% dos traballos e o 25% restante facíano os veciños. “Redobramos esforzos, liberando ós colectivo de pagar, conscientes dos seus escasos recursos e da importancia destas actuacións para mellorar a calidade de vida e combater o despoboamento demográfico”, subliñou o voceiro.

O orzamento que achega o organismo provincial a esta inicaitiva é de 2 millóns de euros. Cada asociación poderá acadar un máximo de 12.000 euros. As obras a realizar consistirán, principalmente, en pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de TV, arranxo de fontes, obras de acondicionamento e arranxo de locais sociais, así como pequenas infraestruturas e adquisición de mobiliario -informático ou similar- para o funcionamento das propias comunidades veciñais, agrupacións ou asociacións de veciños, ou como complemento de áreas recreativas, deportivas e de lecer.

Martínez deu conta destes datos logo da celebración da Xunta de Goberno deste venres na que se aprobou a conta xustificativa dunha obra do Plan de Comunidades Veciñais de 2011, executada no núcleo rural de Carteire, no Concello de Palas de Rei. Consistiu no acondicionamento do coñecido como o camiño das Fontelas, contou cun presuposto de 17.700 euros, subvencionados nun 75% pola institución luguesa.

Aforro de custes e mellora de servizos

A sesión tamén acordou iniciar os procesos de adxudicación de dúas novas aplicacións informáticas que supoñen o aforro de custes na xestión da Deputación e a mellora dos servizos administración que presta tanto o organismo provincial como os 49 Concellos lugueses que de xeito voluntario se sumaron ó Innova-TE. E é que mediante este programa tecnolóxico, a institución contratará, por unha banda, un sistema de xestión documental, que permitirá dixitalizar dende os contratos, expedientes ata os escritos presentados no Rexistro. Isto suporá un aforro anual de 65.000 euros, que representan os custes da impresión dos 100.000 documentos que se manexan mensualmente na institución provincial e que xa non se terán que arquivar en formato papel.

Para elo, é necesaria a contratación dunha segunda aplicación, que consiste no incremento da capacidade do CPD, o coñecido como o corazón tecnolóxico da administración electrónica onde se almacena a información administrativa. Pasaranse dos 48 terabytes actuais ós 74 terabytes, é dicir, 74 millóns de megas cos que se duplica a capacidade, permitindo que este sistema almacene ata 500 millóns de documentos, así como que se incrementen o número de trámites coa Deputación e o Concellos que os cidadáns fagan dende a Rede. Na actualidade, estes suman xa 143.

Hoxe o CPD garda toda a documentación administrativa para realizar dende Internet a inserción de anuncios no BOP, solicitar certificados de empadroamento ou subvencións, inscribirse en accións formativas, darse de alto no suministro de auga ou sumidoiros.... Ademais, tamén almacena toda información dos portais web da Deputación e dos Concellos lugueses ou da plataforma do comercio electrónico losprodutosdelugo.com, con máis de 200 artículos á venda dunhas 30 empresas luguesas.

O presuposto adicado a estas vindeiras actuacións é de 141.600 euros, cofinanciados nun 70% pola Unión Europea.