Deputación de Lugo

A Deputación abre mañá ó tráfico a rúa Pedáneo Xoán Diego, favorecendo o desenvolvemento do Plan Paradai

Imaxe deputación de lugo
En cumprimento coa palabra dada por Gómez Besteiro á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a institución culmina a 3º obra que asumiu deste Plan e na que investiu 1,5 millóns de eurosUns 5.000 lucenses do norte da capital benefícianse destas actuacións, que tamén supoñen un novo acceso ó Hospital mentres a Xunta non fai as obras da Ronda Leste coas que se comprometeuJesús Vázquez mostra a súa satifacción con esta apertura e salienta “a falta de compromiso da Xunta, que non voltou a dar sinais e que insiste en incumprir o convenio, degradando a zona”

A Deputación de Lugo abrirá mañá ó tráfico a rúa da capital luguesa Pedáneo Xoán Diego, en cumprimento da palabra dada polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, para favorecer o desenvolvemento do Plan Paradai. Trátase da terceira obra de dita programación que asumiu o organismo provincial logo de realizar a construción da Ponte Romai, con enlaces na Segunda Ronda e na Rotonda da Rocha, así como a prolongación da Avenida Duquesa de Lugo, co obxectivo de respostar ás necesidades e demandas dos veciños desta zona luguesa.

A institución investiu na construción da rúa Pedáneao Xóan Diego 1,5 millóns de euros. Conta con 750 metros de longo e 16 de ancho, dous carrís de circulación, beirarrúas e varios aparcadoiros. Pola marxe dereita, ó longo de 500 metros, colinda co parque fluvial de Paradai e, pola esquerda, coa Duquesa de Lugo.

Os preto de 5.000 veciños que residen en zonas coma Paradai, As Gándaras, Sagrado Corazón, Burozos, Portiño ou Galegos, veranse directamente favorecidos con esta apertura, que ofrece novas perspectivas para a zona norte da cidade de Lugo. Hai que ter en conta que supón, ademais, un novo acceso a concurridas zonas da capital lucense coma o novo Hospital mentres se agarda a que a Xunta de Galicia execute as obras da Ronda Leste. Trátase dunha infraestrutura moi demanda en Lugo, coa que se comprometeu o Goberno galego pero para a que nin fixou orzamento nin prazos.

Pedáneos Xóan Diego tamén conecta coas hortas do Rato, evitando así a barreira que, ata o de agora, supoñía a liña de ferrocarril, tendo en conta que as únicas vías de comunicación existentes pasaban pola Ponte Romai ou a Ponte de Paradai. Segundo Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, “esta nova rúa facilitará as comunicacións con outros puntos da cidade, proporcionando unha notable mellora na calidade de vida dos lucenses, así como un significativo beneficio económico, ó fomentar a actividade comercial na zona”.

“Falta de compromiso da Xunta”
Jesús Vázquez destacou a súa satisfacción con estas actuacións da Deputación de Lugo. “É a administración que mellor ten cumprido os compromisos adquiridos cos veciños con respecto ó Plan Paradai, manténdonos permanentemente informados”, remarcou. Así mesmo, subliñou “a falta de compromiso da Xunta de Galicia” xa que tras a reunión que esta Federación mantivo hai meses co Conselleiro de Infraestruturas, e durante a cal Agustín Hernández se comprometeu a celebrar un novo encontro co fin de avanzar no Plan Paradai, “o Goberno galego non voltou a dar sinais. Os veciños só teñen constancia da falta de palabra do Executivo autonómico, que insiste en dar marcha atrás e incumprir o establecido no convenio asinado. A Xunta quere condenar ós cidadáns do norte de Lugo á degradación da zona”, sentenciou Vázquez.