Deputación de Lugo

Deputación e Concello impulsan a venda de produtos autóctonos na X Festa da Cereixa e do Aceite de San Clodio de Ribas de Sil

García Porto, Sotuela e Fraga presentaron na Praza de Abastos da capital a X Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil, que se celebra esta fin de semana en San ClodioA Deputación colabora con esta iniciativa dentro da súa aposta pola promoción dos produtos autóctonos de calidade para xerar riqueza nos Concellos da provinciaNa festa, 23 expositores porán á venda 2 toneladas de cereixas, 250 litros de aceite e outros produtos gastronómicos da zona, así coma variadas pezas de artesanía

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e o Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, presentaron este martes a décima edición da Festa do Aceite e da Cereixa de San Clodio, que se celebrará a vindeira fin de semana na praia fluvial de San Clodio, en dito municipio da Ribeira Sacra. Este ano a colleita é abundante e de alta calidade, polo que se agarda que se superen os preto de 13.000 euros de volume de negocio acadados en anos anteriores só coa venda de cereixa e aceite, cultivos ós que o municipio de Ribas de Sil adica preto de 500 hectáreas, o que supón máis do 80% da súa superficie forestal en uso no municipio.

García Porto subliñou a importancia de colaborar con este tipo de eventos, xa que a promoción dos produtos autóctonos a través deste tipo de iniciativas, capaces de atraer a miles de visitantes ano tras ano “supón un importante atractivo económico para os Concellos, que vén como repercute positivamente na súa economía, impulsando non só os produtos autóctonos, senón tamén ó sector da hostalería, do comercio ou da artesanía local”. O potencial económico para a produción agrícola do municipio, que adica preto de 500 hectáreas a estes cultivos- o 80% da superficie forestal en uso-, ó cultivo de árbores froiteiras.

En vista da importancia acadada por esta festa e tras cumprir os dez anos de historia, o Alcalde destacou que o Concello vai iniciar os trámites para acadar a declaración de Interese Turístico de Galicia, que suporá un novo recoñecemento a esta cita que xa conta co favor de miles de visitantes que se achegan todos os anos a San Clodio. Sotuela quixo destacar tamén a calidade desta froita e o intenso sabor do aceite, cualidades potenciadas pola climatoloxía propia da zona. Cunha produción anual dunhas 50 toneladas, a cereixa de Ribas de Sil está amparada polo rexistro de marcas e patentes, ó igual que o aceite, requisito imprescindible para acadar a futura denominación de orixe. No acto de presentación, que tivo lugar nun posto do mercado da Praza de Abastos, o público asistente puido comprobar o excelente sabor das sonadas cereixas coa degustación dalgunha das moitas variedades desta froita que se cultivan no Concello.

2.000 quilos de cereixa e 250 litros de aceite

O Concello ten habilitados 23 stands no recinto feiral, cinco dos cales estarán ocupados por produtores de cereixa e aceite ribasilenses que porán á venda arredor de 2 toneladas de cereixa, a prezos de entre 3 e 4 euros, e uns 250 litros de aceite, que se poderán mercar en botellas de cuarto ou tres cuartos de litro, oscilando o seu prezo entre os 6 e os 15 euros. Xunto a eles estarán outros 18 produtores que ocuparán os stands habilitados polo Concello para produtores da comarca e nos que os visitantes poderán mercar o viño elaborado por tres bodegas da comarca, mel, licores, castañas e derivados, doces, e outra das delicias gastronómicas que ofrece Ribas de Sil, os figos secos.

A cita comezará oficialmente o sábado 9 ás 21:00 horas coa lectura do pregón a cargo do Alcalde lucense, José López Orozco, aínda que os actos iniciaranse xa pola mañá coa apertura do recinto feiral e a animación a cargo de pasarrúas. Un ano máis, tamén haberá competicións deportivas e diferentes actuacións musicais ata o domingo pola noite, cando a feira pechará as súas portas.