Deputación de Lugo

Aberto o prazo de solicitudes para os Obradoiros Infantís de artesanía do CENTRAD do mes de xullo

Hoxe ábrese o prazo para solicitar as primeiras 90 prazas dispoñibles nos 6 obradoiros gratuítos de monicreques, pintura, cestaría, xoiería, coiro e graffiti, que se celebran en xulloAs inscricións faranse presentando as solicitudes por escrito no rexistro do Inludes. Máis información en http://www.deputacionlugo.org/ e http://www.centrad.org/

Este luns ábrese o prazo para presentar as solicitudes de participación na primeira quenda dos 12 obradoiros de artesanía que organiza o CENTRAD, e nos que os rapaces terán a oportunidade de coñecer a rica tradición artesanal e as técnicas artísticas máis modernas. A partires de hoxe e ata o vindeiro día 27, os interesados en participar nesta primeira quenda de obradoiros, a que se celebrará entre os días 2 e 13 de xullo, deberán presentar o modelo de solicitude cuberto no rexistro do INLUDES, acompañado dun xustificante de que os pais están a traballar. As inscricións faranse por rigorosa orde de inscrición, malia que terán preferencia aqueles rapaces cuxos proxenitores traballen e aqueles que quedaran fóra en convocatorias anteriores. Máis información e o modelo de solicitude para descargar e cumplimentar, está dispoñible nas páxinas http://www.deputacionlugo.org/ e http://www.centrad.org/, ou ben directamente no rexistro do INLUDES.

Tal e como sinalaba a responsable da Área, Regina Polín, durante a presentación destes obradoiros, responden ó desexo de estender a actividade do Centro cara ós máis novos, para achegalos á tradición artesanal lucense, ó tempo que fomentan as súas relacións con outros rapaces da mesma idade. Esta é a terceira convocatoria de obradoiros infantís que organiza o Centro, tras os celebrados durante o Nadal e a pasada Semana Santa. En ambas ocasións, as prazas esgotáronse ó pouco tempo de abrir o prazo e ante o interese amosado por numerosas familias, os responsables do Centro ampliaron a idade de admisión, así como o número e as materias dos cursos. Deste xeito, os rapaces de ata 16 anos terán a posibilidade de participar en obradoiros de graffiti e coiro, organizados pensando nos seus gustos e capacidades.

En total, o CENTRAD ofrece un total de 180 prazas (90 por quenda), totalmente gratuítos. Un 15% das prazas están reservadas para nenos con necesidades especiais. En canto ó horario, os obradoiros darán comezo ás 9:00 horas e se prolongarán ata as 14:00 horas. No caso dos rapaces con necesidades especiais, ó igual que en anteriores edicións, haberá flexibilidade en canto a idades de admisión e horarios, para que todos aproveiten a experiencia ó máximo. Os cursos constan de cinco xornadas cada un e céntranse en diferentes técnicas artesanais e creativas: para os nenos de 5 a 10 anos, haberá obradoiros de monicreques e pintura; para os de 8 a 14, serán de xoiería e cestaría e para os nenos de 12 a 16 serán de graffiti e coiro. Para aqueles pequenos que vaian participar nestes mesmos obradoiros na quenda de agosto, as familias interesadas deberán presentar as súas solicitudes entre o 18 de xuño e o 14 de agosto.