Deputación de Lugo

A Escola de Imaxe e Son celebra mañá unha xornada aberta ó público para dar conta da súa actividade

Trátase de Habertic, a 1ª xornada de portas abertas con talleres de radio, televisión e foto nos que participar gratis, ademais de proxeccións dos traballos dos alumnosAs actividades desenvolveranse de 10:00 a 22:30 horas nas instalacións na EIS, na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital luguesa, xunto ó antigo hospital San XoséGómez Besteiro, representantes de produtoras, medios de comunicación, centros de ensino e exalumnos da Escola participarán nesta pioneira iniciativa

Os alumnos da Escola e Imaxe e Son da Fundación TIC -organismo dependente da Deputación de Lugo- co apoio de docentes e técnicos, protagonizarán mañá a primeira xornada de portas abertas. Trátase de “Habertic”, unha das iniciativas organizadas con motivo do remate do curso académico 2011/2012. O obxectivo desta pioneira iniciativa é dar a coñecer a todos os lucenses o traballo que está a desenvolver a Escola de Imaxe e Son, o único centro público da provincia que imparte ensinazas da rama audiovisual con matrícula gratuíta. Para elo, a EIS convida a todos os interesados a participar nas actividades que se prolongaarán durante todo o día.

Habertic desenvolverase de 10:00 a 22:30 horas e terá como escenario as instalacións da Escola de Imaxe e Son, ubicados na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital lucense, xunto ó edificio do antigo hospital provincial de San Xosé. Ás 12:00 horas terá lugar a actividade central na que, ademais de todos os lucenses que se atopen nese momento na Escola, están convidados numerosos representantes de produtoras, medios de comunicación, colexios e institutos da provincia, así como exalumnos da EIS. Na súa visita estarán acompañados polo Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

Obradorios de radio, televisión e fotografía

No interior da Escola instalaranse tres obradoiros, un de televisión, outro de radio e finalmente un de fotografía, nos que os alumnos, baixo a supervisión de profesores e técnicos da Fundación, poñerán en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso. Serán os encargados tanto dos contidos como do manexo de todo o material necesario para a realización das diversas actividades. Deste xeito, o público asistente terá a oportunidade de coñecer as interioridades dun programa de radio e outro de televisión, así como de varias sesións de fotografía, nas que poderán participar directamente.

No obradoiro de televisión os alumnos amosarán como funciona un equipo televisivo, cun set de entrevistas en exteriores, un fotocall con “cromas”, unha unidade móbil e un equipo de reporteiros gráficos. O programa de radio tamén será moi participativo, con entrevistas a alumnos e exalumnos, representantes de diversas organizacións e ós lucenses que se acheguen a este estudo. O programa radiofónico poderá escoitarse a través dun sistema de megafonía e tamén incluírá seccións nas que se lembrarán fragmentos das prácticas feitas durante o curso.

Teatro e proxeccións

Os alumnos do módulo de representacións escénicas organizarán e porán en escena dúas obras de teatro: “Sala de espera” e “O ministerio dos pasos ridículos”. Haberá dous pases das representacións, un de mañá e outro de tarde. A entrada será libre. Ademais, proxectaranse os traballos audiovisuais e as curtametraxes realizados polos alumnos ó longo do ano. Os asistentes á xornada poderán tamén contemplar uns mosaicos elaborados con fotografías das actividades do curso, que estarán pendurados nos corredores da EIS.