Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta a clarificar se é viable compensar a perda da paga extra ós empregados públicos do ente provincial

Imaxe deputación de lugo
O organismo lugués solicita á Consellería de Presidencia que traslade ó Consello Consultivo de Galicia a súa petición dun ditame facultativo no que analice a posibilidade de compensar a perda da retribución que suprimiu o Goberno de Rajoy A Deputación dá este paso en cumprimento do seu compromiso -formalizado no Pleno do 25 de setembro- de buscar alternativas para protexer no posible, e garantindo a máxima seguridade xurídica, os dereitos adquiridos polos traballadores

A Deputación de Lugo vén de solicitar formalmente á Xunta de Galicia que se pronuncie sobre se é viable ou non compensar a perda da paga extra de Nadal ós empregados públicos do organismo provincial, unha retribución suprimida polo Goberno de Rajoy a través do Real Decreto Ley 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade presupostaria e de fomento da competitividade. A institución luguesa dá este paso en cumprimento do seu compromiso -formalizado no Pleno do 25 de setembro- de buscar alternativas e fórmulas para protexer no posible, e sen incorrer en ilegalidades ou fraudes de lei, os dereitos adquiridos polos seus traballadores.

Deste xeito, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, remitiu á Consellería de Presidencia unha resolución -acompañada dos correspondentes informes técnicos provinciais- pedíndolle que traslade ó Consello Consultivo de Galicia, a máxima autoridade xurídica da Comunidade Autónoma, a súa petición dun ditame facultativo no que analice a intención da Deputación de compensar dalgún xeito a perda da paga extra ós seus empregados, tanto ós de San Marcos, como ós dos organismos dependentes: INLUDES, Fundación TIC e SUPLUSA.

A primeira na historia

Trátase da primeira vez na historia da Comunidade galega que unha administración local utiliza este procedemento, é dicir, que require por medio da Xunta un ditame facultativo ó Consello Consultivo de Galicia, un recurso ó que acode dada a relevancia e complexidade do asunto e co obxectivo de garantir a máxima seguridade xurídica.

O Consello, como Órgano Superior Consultivo da Comunidade Autónoma, é unha institución de natureza xurídica que, con carácter xeral, actúa preceptivamente na súa función de control xurídico de todas as Administracións Públicas de Galicia. Entre as súas funcións, destaca a de solventar dúbidas xurídicas, con carácter facultativo, cando estas teñan a suficiente complexidade ou relevancia. No caso de que as interesadas sexan as administracións locais, sempre deben solicitar o seu ditame a través da Consellería competente en Administración Local, mecanismo que estrea a Deputación de Lugo.