Deputación de Lugo

Só queda unha praza libre para as bolsas de emprego en Europa que ofrece a Deputación, a un día de pecharse a inscrición

Imaxe deputación de lugo
As prazas dispoñibles para universitarios están cubertas, quedando soamente unha vacante para as dirixidas a titulados de FP en audiovisuaisOs interesados teñen ata mañá para presentar a documentación requirida, que poden consultar na web www.deputacionlugo.org Os beneficiarios mellorarán a súa formación facendo prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda

Cando falta un día para pecharse o prazo de solicitude das 70 bolsas de emprego en Europa totalmente gratuítas que ofrece a Deputación de Lugo ós mozos titulados da provincia, soamente queda unha praza libre. As becas dirixidas a universitarios están cubertas, quedando soamente unha vacante para as dirixidas a titulados de FP en audiovisuais. En calquera caso, os interesados poden seguir facendo solicitudes, pois, unha vez que mañá martes se peche a inscrición, todas as peticións presentadas entrarán nun proceso de selección, polo que teñen a posibilidade de beneficiarse de unha delas. Os interesados poden entregar en San Marcos ou na Fundación TIC a documentación requirida, que teñen á súa disposición na páxina www.deputacionlugo.org

Trátase de 70 becas enmarcadas no programa europeo Leonardo da Vinci, de dous tipos:

As Lugojob: 50 becas para lucenses menores de 35 anos con formación universitaria relacionada cos seguintes sectores: agricultura, silvicultura, pesca, protección do medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Lugojob ofrécelles prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda durante 3 meses. Non obstante, a estancia en ditos países será de 3 meses e medio porque durante as primeiras dúas semanas os participantes realizarán un curso de perfeccionamento do idioma.

As TIC Lugo: a Fundación TIC, como organismo provincial especializado no desenvolvemento das tecnoloxías da Información e da Comunicación, xestiona 20 becas para lucenses menores de 30 anos, que nos últimos tres anos remataron os seus estudos na Escola de Imaxe e Son da TIC. Ticlugo ofrécelles prácticas en empresas de Portugal, Italia e Irlanda durante 2 meses e medio. A estancia nestes países será de 3 meses, xa que durante as dúas primeiras semanas os participantes tamén realizarán un curso para perfeccionar o idioma.

A documentación necesaria

Os interesados nestas accións formativas, financiadas ó 70% pola UE, deberán entregar a seguinte documentación: fotocopia do DNI, certificado ou volante actualizado de empadroamento nalgún dos Concellos da provincia, fotocopia do título académico, currículo, certificado actualizado de períodos de inscrición como demandante de emprego, un escrito indicando a adecuación do título académico ós sectores ós que se dirixen as bolsas, e unha declaración responsable de non ser anteriores beneficiarios dunha axuda Leonardo da Vinci.

No caso das becas Lugojob, hai que entregar esta documentación no Rexistro da Deputación de Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Pola súa banda, os aspirantes ás bolsas Ticlugo, teñen que facelo na secretaría da Escola de Imaxe e Son, na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital, en horario de 8:30 a 15:00.

Proceso de selección

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no Taboleiro de Anuncios e nas páxinas web da Deputación e a Fundación TIC a listaxe de aspirantes. Como figura nas bases, o proceso de selección consistirá nunha proba de coñecemento (un cuestionario tipo test de 20 preguntas), na baremación dos méritos acreditados polos peticionarios e nunha entrevista persoal. A lista de admitidos publicarase no Taboleiro de Anuncios de Deputación e Fundación TIC, e nas súas webs: www.deputacionlugo.org e www.fundaciontic.org