Deputación de Lugo

USC e Deputación reeditan en Lugo o máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, único en España

A Deputada de Medio Ambiente participará na apertura oficial da segunda edición do curso de posgrao, no que participan 30 persoas, na súa maioría profesores de toda GaliciaAs xornadas, para as que o organismo provincial achega 15.000 euros, buscan abrir novas oportunidades laborais ofrecendo formación especializada en materia medioambiental

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participará este xoves pola tarde na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo na apertura oficial da segunda edición do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, que a Universidade de Santiago de Compostela reedita na cidade lucense coa colaboración da Deputación. No acto está prevista a participación do Vicerreitor adxunto de Investigación da USC, Pablo Ramil; o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez; o coordinador do curso, Eugenio Otero; e o Concelleiro de Medio Rural do Concello de Lugo, Manuel Enrique Chaín Fernández.

Neste curso de posgrao, único das súas características en España, participan unha trintena de persoas, na súa maioría mestres procedentes de toda Galicia, ademais de educadores sociais e enxeñeiros forestais e titulados de turismo, entre outros. O organismo provincial achega 15.000 euros a esta innovadora acción formativa a través do programa Lug02, financiado ó 80% pola Unión Europea, co fin de difundir a riqueza das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares.

O máster impulsa a posta en valor dos recursos naturais e a sensibilización ambiental de nenos e maiores, ademais de abrir novas oportunidades laborais na denominada economía verde ó ofrecer formación especializada en materia medioambiental moi práctica no mercado laboral da provincia. Apoiando este máster, destacou a Deputada de Medio Ambiente, “reforzamos a nosa aposta por converter o medio ambiente como oportunidade económica da provincia para xerar riqueza e fixar poboación”.

Só en Reino Unido e Suecia

Este curso aborda unha materia que ata o de agora non se tratara en España, e no resto de Europa, tan só en países como Reino Unido e Suecia. Deste xeito, dota dunha identidade exclusiva a Maxisterio na súa nova andaina, ó pasar de Escola a Facultade.

No desenvolvemento deste posgrao participan 25 profesores adscritos a 16 áreas de coñecemento. As clases comezarán o vindeiro luns, 1 de outubro, e prolongaranse ata o 6 de abril, para dar paso á etapa de prácticas profesionais en institucións e organismos cos que a USC asinou acordos. O curso toca temáticas de educación ambiental, educación ó aire libre, paisaxe, e a arte en relación coa natureza, e exercita ós alumnos no desenvolvemento de capacidades de xestión, organización e dirección de grupos e institucións.

Saídas laborais

Os postos de traballo que se poden ocupar con este máster son: profesor de educación infantil; educador e técnico de asociacións de tempo libre en contornos naturais; xestor de clubs de deporte na natureza; técnico de educación e protección ambiental en Concellos e administración educativas; director de aulas da natureza; director de instalacións educativas en espazos protexidos; deseñador de guías da natureza e itinerarios; documentación de rutas; e promotor de actividades educativas con maiores ou discapacitados en contornos naturais.