Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa un ano máis no Día do Veciño, que mantén o poder de convocatoria reunindo a 3.000 persoas

Na sexta edición do encontro, celebrado por primeira vez no Pazo de Feiras e Congresos, recadáronse fondos co fin de comprar alimentos para o programa solidario Entre Veciños Un cento de voluntarios preparou a comida nunha xornada que contou como novidade cunha mostra de artesanía

A sexta edición do Día do Veciño, impulsada pola Federación de Asociacións Veciñais Lucenses, celebrouse este domingo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo coa participación dunhas 3.000 persoas, mantendo deste xeito o mesmo poder de convocatoria que acadou o pasado ano. Como vén sendo habitual, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu un ano máis a esta cita, que, como destacou, “fortalece o tecido asociativo da provincia, imprescindible para promover solucións e iniciativas de futuro para Lugo”. “A Federación amósanos que dicir “veciño” non é unicamente vivir cerca, senón que significa sobre todo estar cerca, tanto física, como afectivamente. Significa poder acadar, como ente comunitario, proxectos e traballos conxuntos, pasando das doadas posicións individuais e particulares aos intereses comúns, para xerar así capital social, ese que, sen dúbida é o primeiro tipo de valor que se debe conseguir antes para poder, posteriormente, ser capaces de administrar calquera outro tipo de capital humano”, subliñou o Presidente.

O encontro, que por primeira vez se celebrou no Pazo de Feiras, serviu para recadar fondos co fin de comprar alimentos para o programa solidario Entre Veciños. Como novidade, a xornada incluíu unha mostra de artesanía, composta por pezas e manualidades elaboradas polos participantes nos cursos organizados polas asociacións adscritas á Federación. Polo demais, tivo lugar a tradicional comida, que se encargaron de preparar un cento de voluntarios dende primeira hora da mañá, así como un partido de fútbol entre periodistas e políticos con veciños, e a entrega dos premios V de veciño que recoñece o labor de persoas que colaboran co movemento veciñal.

A Federación de Asociacións de Veciños Lucenses é o colectivo veciñal máis numeroso de Galicia. Con 121 asociacións adheridas, supera a suma das que integran as federacións veciñais das restantes cidades galegas.