Deputación de Lugo

Veciños de toda a provincia, A Coruña e Pontevedra participan nas actividades medioambientais de Lugoteando no Miño

Nenos e maiores gozan, como novidade neste programa da Deputación, de paseos en water shoe, un aparato que permite camiñar sobre a auga. Teñen ademais scooters acuáticos, canoa e batuxo, bolas acuáticas, paddle surf e xogos infantís Como mostra do tirón desta iniciativa, numerosas persoas que participaron nas actividades desenvolvidas este verán noutros Concellos repiten, anotándose de novo para as que teñen lugar entre hoxe e o domingo na capital lucenseOs interesados aínda poden inscribirse chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11, na web www.deputacionlugo.org ou in situ

As actividades medioambientais de Lugoteando arrancaron este xoves na capital lucense cun notable éxito de participación ó reunirse na área recreativa dos Robles, na beira do Miño, un centenar de persoas. Entre os inscritos, non soamente hai veciños do Concello de Lugo e do resto da provincia, senón doutras partes de Galicia, achegándose grupos da Coruña, Ferrol ou Pontevedra. Este interese pon de manifesto o tirón da iniciativa coa que a Deputación potencia o medio ambiente como oportunidade económica da provincia, ó igual que o feito de que numerosas persoas que participaron nas actividades desenvolvidas dende finais de xullo noutros Concellos (Monforte, Vilalba, Viveiro, Foz e A Fonsagrada) repitan, anotándose de novo para as que teñen lugar entre hoxe e o domingo na capital lucense. Nesta primeira xornada do programa no Miño, a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, manterá un encontro cos numerosos participantes nas actividades, desenvolvidas no emblemático espazo natural emblemático de Lugo durante toda a tarde, entre as 15:00 e as 20:00 horas.

Como novidade na programación, nenos e maiores poden gozar no Miño de paseos en water shoe, un aparato que permite camiñar sobre a auga. Teñen ademais bolas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; xogos infantís acuáticos; e paseos en canoa e en batuxo.

Aínda que o 80% das 300 prazas dispoñibles para entre mañá e o domingo xa están cubertas, todos aqueles interesados aínda poden anotarse chamando ós teléfonos 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades nas que desexen participar.

3.500 persoas

As actividades acuáticas en Lugo, que están limitadas a 100 persoas por día, poñerán o broche de ouro á terceira convocatoria do pioneiro programa da Deputación que aproveita os recursos medioambientais para xerar riqueza, e do que xa gozaron preto de 3.500 persoas dende a primeira edición, en 2010, que redescubriron ou coñeceron por primeira vez a riqueza fluvial e litoral da provincia.

Máis concellos e máis tempo

A Deputación decidiu ampliar este ano o programa Lugoteando, cofinanciado ó 80% por fondos europeos FEDER a través do proxecto Lug02, tanto en número de concellos, como na duración, para que máis familias e xente nova puideran gozar das súas propostas e seguir potenciando o turismo, un sector que representa o 30% do PIB lucense. Deste xeito, a iniciativa incluíu actividades na Zona Sur –Monforte e A Fonsagrada-, a Terra Chá –Vilalba-, e A Mariña –Viveiro e Foz-, onde xa se celebraron; e Lugo cidade, onde terán lugar ata o domingo. Non só iso, senón que tamén se prolongaron durante tres meses, de xullo a setembro, fronte os dous das últimas edicións.

Pola economía do medio ambiente

Este programa reforza outras iniciativas coas que a Deputación potencia o medio ambiente como oportunidade económica da provincia, tales como o Km0, que leva xerado un volume de negocio de 1,5 millóns de euros nas empresas da provincia, todas PEMES e autónomos, e contribúe a manter 1.400 postos de traballo directos; o Km0 Balnearios no Camiño, co que estiveron o pasado ano 1.350 persoas nos establecementos termais de Palas, Pantón, Lugo e Guitiriz, e este ano o farán outras 1.400; ou o Surf Camp, que serve de tirón para aumentala ocupación hoteleira na Mariña fóra de tempada, chegando na última edición a rozar o 80% na zona oriental da comarca, e incluso superar esta porcentaxe no Concello de Ribadeo.