Deputación de Lugo

A Deputación creará espazos wifi de acceso libre e gratuíto a Internet nos 49 Concellos sumados ó Innova-TE

Imaxe deputación de lugo
A iniciativa forma parte dun novo paquete de medidas para estender e potenciar o uso das novas tecnoloxías na provincia por un valor global de 1,1 millón de euros, financiados ó 80% pola Unión Europea a través do Innova-TEO organismo provincial ofrecerá a empresarios e emprendedores asesoramento gratuíto e personalizado para que incorporen ós seus negocios as ferramentas tecnolóxicas máis axeitadas, que lles axuden a afrontala crise, aumentar beneficios e xerar empregoA Xunta de Goberno deu luz verde ós termos que rexerán a concesión que permitirá á institución luguesa acometer en 28 municipios un proxecto pioneiro en España para o aproveitamento eléctrico das traídas da auga

A Xunta de Goberno aprobou na sesión deste venres a contratación dun plan para crear espazos wifi de acceso libre e gratuíto a Internet nos 49 Concellos da provincia sumados voluntariamente ó proxecto tecnolóxico Innova-TE, que a Deputación impulsa co financiamento nun 80% da Unión Europea. “Tras crear en San Marcos a primeira praza wifi da cidade de Lugo e dotar ás propias dependencias de San Marcos de conexión a Internet sen fíos, estenderemos esta iniciativa ós 49 Concellos do Innova-TE. Deste xeito, ofrecerémoslles a estes municipios a instalación, a custe cero para eles, dun servizo wifi nas casas consistoriais e nun espazo público exterior anexo ó propio edificio consistorial, que, como é lóxico, ten que cumprir coas limitacións que para este tipo de dotacións establece a Lei”, explicou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez. Os veciños destes Concellos terán desta maneira acceso a Internet libre e gratuíto desde calquera dispositivo móbil: un ordenador portátil, PDA ou teléfono.

Martínez lembrou neste senso que a Deputación “ofreceu a tódolos Concellos da provincia no seu momento –en 2010, cando arrancou o programa- a posibilidade de formar parte do Innova-TE, e finalmente foron 49 –de todas as cores políticas- os que voluntariamente decidiron facelo, e se están beneficiando de numerosas actuacións como a que lles acabo de avanzar. Témoslles dado ademais, por valor de 300.000 euros para cada un, asesoramento personalizado e in situ para implantar a administración sen papeis; renovación e modernización dos portais web dos Concellos; equipamento informático e tecnolóxico; e conexión de banda longa a Internet”. Os municipios lucenses que se negaron a entrar no Innova-TE son: Antas de Ulla, Alfoz, Bóveda, Barreiros, Cospeito, O Courel, Ourol, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Trabada, Xermade, O Valadouro, Pantón, Guntín, Vilalba e Paradela.

A creación de espazos wifi nos Concellos, con preto 300.000 euros de presuposto, forma parte dun novo paquete de medidas aprobado hoxe pola Xunta de Goberno para estender e potenciar o uso das novas tecnoloxías na provincia por un valor global de 1,1 millón de euros, financiados ó 80% pola UE a través do proxecto Innova-TE.

Para fortalecer o tecido empresarial

Outro dos eixes das actuacións aprobadas son dous programas dotados con cerca de 500.000 euros dirixidos a fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a incorporación das novas tecnoloxías ós negocios.

Os programas son os seguintes:

Reacciona coas TIC, a través do que a Deputación dará asesoramento gratuíto e personalizado a empresarios, autónomos e emprendedores para que usen e implanten as ferramentas tecnolóxicas máis axeitadas ás súas necesidades.

Lugo Innova, que consistirá en accións para difundir entre o empresariado os beneficios que leva consigo incorporar as novas tecnoloxías ós negocios.

“Con estas accións queremos que as empresas lucenses tomen conciencia da importancia das TIC e que lles saquen o máximo partido para ser máis competitivas, mellorar a produtividade e aforrar custes, en definitiva, para afrontar con éxito a crise, aumentar beneficios e xerar emprego”, explicou Manuel Martínez.

O voceiro argumentou neste senso que na provincia de Lugo “temos boas mostras das ventaxas que este proceso ten para un negocio. Simplemente, a modo de exemplo, lémbrolles o caso de Bicicletas Guillermo de Monforte, que duplicou as súas vendas ó pasar a ofrecer os seus artigos por Internet. Porco Celta Fonsagrada, Galletas da Veiga ou a adega Vía Romana son outras empresas lucenses pioneiras en novas tecnoloxías, coas que precisamente temos colaborado dende a Deputación en anteriores accións de difusión das ventaxas das TIC”.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a elaboración dun informe de recomendacións e o desenvolvemento dun proxecto piloto para fomentar o teletraballo co fin de abrir novas oportunidades laborais, mellorar a produtividade e facilitar a conciliación do traballo e a vida familiar. Deu luz verde tamén a unha iniciativa pioneira en Galicia, que consistirá en ofrecerlles a tódolos Concellos da provincia auditorías totalmente gratuítas para determinar o nivel de seguridade informática co que contan –tanto do equipamento técnico, como dos sistemas de xestión- para garantir unha administración pública moderna, máis fiable e segura, e para axudarlles ás entidades locais a adaptarse á Lei Orgánica de Protección de Datos, algo ó que están obrigados. Asumindo o custe destas auditorías, a Deputación aforra a cada Concello 2.500 euros.

Aproveitamento enerxético das traídas

A Xunta de Goberno aprobou os termos que rexerán a concesión mediante a cal a Deputación levará a cabo un proxecto pioneiro en España para xerar enerxía mediante o aproveitamento das traídas de auga. Isto permitirá aforrar ós Concellos na factura enerxética. Segundo explicou Martínez, “este novo paso administrativo derívase da encomenda de xestión que os 28 Concellos que se sumaron á iniciativa lle fixeron á Deputación para que asuma todos trámites e custes desta iniciativa”. Esta encomenda de xestión foi aprobada no Pleno de xuño, coa abstención do grupo da oposición.

O proxecto desenvolverase en dúas fases:

A elaboración dun estudo técnico, económico e xurídico que determinará que traídas deses Concellos reúnen as condicións necesarias para un aproveitamento eléctrico. Para elo, entre outras cuestións, comprobarase se a potencia da auga é suficiente para que chegue ó depósito sen necesidade de elevala. O estudo poderá comezar a mediados de novembro e ten un prazo de execución de 3 meses.

A contratación conxunta do material necesario e a execución das obras, que consisten na instalación dunha turbina á saída dos depósitos da auga para producir enerxía, sen que se precisen máis infraestruturas específicas e sen reducir o caudal dos ríos. Farase unha toma independente no tanque e conexión coa rede xeral, a modo de by pass. Isto garante incluso que, en caso de avaría, non se interrompa o abastecemento. As obras teñen 9 meses de prazo de execución.

Os Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron a esta innovadora medida de aforro enerxético son: Baralla, Friol, Guntín, Barreiros, Palas de Rei, Abadín, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Corgo, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, A Pastoriza, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Riotorto, Sober, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove.

A Xunta de Goberno tamén tomou conta da desestimación de tres recursos presentados contra a Deputación por responsabilidade patrimonial en vehículos por irrupcións de animais na calzada.