Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha a 2ª tempada de cursos de Artesanía para adultos do CENTRAD en toda a provincia

Regina Polín presentou hoxe unha nova programación de cursos do CENTRAD, que comezarán no mes de novembro e se desenvolverán en diferentes Concellos da provinciaSon 14 obradoiros que ofrecen 120 prazas e preto de 500 horas de formación en materias coma coiro, téxtil, cestaría, cerámica, vidro e forxaO prazo de inscrición comeza mañá xoves e remata cinco antes do comezo de cada curso. Máis información en www.deputacionlugo.org e www.centrad.org e no 982 210 066

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín presentou este mércores as actividades que o CENTRAD ten programadas para formación en técnicas artesanais e de deseño. Trátase da segunda tempada de cursos detinados a adultos que o Centro vén poñendo en marcha dende hai tempo e que ano tras ano constitúen un éxito, xa que as prazas dispoñibles cúbrense ó pouco tempo de abrirse o prazo de inscrición, o que amosa o interese que as técnicas artesanais espertan entre os lucenses.

Nesta segunda tempada o CENTRAD continúa coa intención dos responsables provinciais de descentralizar a formación, para o que algúns destes cursos se celebrarán fóra das instalacións do Centro situadas na capital da provincia, tendo coma escenario obradoiros de artesanía ubicados nos Concellos de Negueira de Muñiz, Triacastela, Foz, Monforte de Lemos e Riotorto. Nesta liña, Polín, que estivo acompañada por algún dos artesáns que se encargarán de impartir os cursos, destacou a importancia de que o maior número posible de lucenses poida acceder á formación en técnicas artesanais, xa que “o sector da artesanía tense revelado coma un factor de crecemento económico e de xeración de emprego de primeiro nivel, especialmente no rural, axudando ademais a fixar poboación no rural”

120 prazas para 14 cursos

Os 14 cursos programados, desenvolveranse nas instalacións do Centro de Artesanía na capital e noutros Concellos da provincia a partires do día 5 de novembro, e hai dispoñibles un total de 120 prazas. As preto de 500 horas de formación versarán sobre diferentes labores, algunha das cales debuta nos contidos programados polo CENTRAD. Os participantes poderán aprender técnicas de cestaría, xoiaría, confección en coiro, téxtil, cerámica, vidro ou forxa.

Os cursos que se celebrarán en Lugo son “Cestaría en espiral a partir de teas recicladas”; “Cestaría tradicional galega en vimbio”; “Cestaría tradicional: cabazas de Noia e cesto de Muros”; “Cestaría de xuncos”; “Xoiaría creativa”; “Fundas de coiro”; “Tecidos decorativos en tear de baixo lizo” e “Escultura cerámica”. Por outra banda, os cursos que se celebrarán fóra de Lugo serán os de “Traballando o coiro” (Negueira de Muñiz); “Iniciación ó tear de baixo lizo” (Triacastela); “Da artesanía á arte. Iniciación á cerámica” (Foz); “Fusing e termoformado” (Monforte de Lemos) e “Forxa” (Riotorto).

Máis información

O prazo de solicitude destes cursos dá comezo mañá e rematará cinco días antes da data de comezo de cada obradoiro, tendo preferencia todos aqueles solicitantes que non realizaran estes mesmos cursos nos dous últimos anos, en cuxo caso terán que agardar a que queden prazas vacantes. A matrícula para estes cursos só se poderá facer online. Para elo, os interesados deberán acceder ás páxinas www.deputacionlugo.org ou www.centrad.org, nas que poderán atopar o modelo de solicitude para formalizar a inscrición, que deberán encher cos seus datos. Unha vez cuberto este formulario de inscrición, a aplicación informará ó interesado si está admitido ou si está en lista de espera.

Cada alumno poderá participar unicamente nun curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición. Os alumnos que cumpran a totalidade de horas do curso ou ben só faltaran, xustificadamente, un 10% da carga horaria do mesmo, poderán obter os correspondentes diploma e certificación de asistencia.

Para obter máis información sobre datas, horarios, matrículas e inscricións, os interesados poden consultar as páxinas web anteriormente citadas, chamar ó teléfono 982 210 066 ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n).