Deputación de Lugo

Un centenar de persoas coñecerá esta semana as ribeiras do Sil en catamarán co programa Km0 da Deputación

A delegación focense da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural, a Sociedade Micolóxica Lucus e un grupo de persoas anotadas de xeito individual solicitaron as rutas A Deputada de Economía, Pilar García Porto, recibiu este martes a 48 integrantes da asociación veciñal Gatos Roxos das Gándaras, que percorreron o Courel

Un centenar de persoas coñecerá esta primeira semana de novembro as ribeiras do río Sil e o seu entorno grazas ó programa medioambiental Km0, posto en marcha pola Deputación co obxectivo de fomentalo turismo interior aproveitando os recursos medioambientais da provincia. A delegación en Foz de AFAMMER (Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural), a Sociedade Micolóxica Lucus e un grupo de persoas anotadas de xeito individual demandaron as rutas, que terán lugar mañá mércores, xoves e sábado.

Dous destes grupos, o de persoas anotadas de xeito individual e o da sociedade micolóxica Lucus, farán, o mércores e o sábado, respectivamente, a nova ruta desta 5ª tempada de Km0: a que combina itinerarios en tren turístico e catamarán polos viñedos e adegas da Ribeira Sacra, con un percorrido polas igrexas románicas. Pola súa banda, AFAMMER de Foz optou por unha ruta en catamarán pola zona de Amandi.

En canto ó cuarto grupo desta semana, a Asociación Veciñal Gatos Roxos, percorreu este martes O Courel. A Deputada de Economía, Facenda e Recadación, Pilar García Porto, recibiu no Salón de Actos de San Marcos a 48 persoas do colectivo, que, tras saír da Deputación, coñeceron as instalacións da Fundación TIC. Xa no Concello courelés, achegáronse ós castros de Vilar e da Torre, e á aldea de Seceda, e comeron no camping da localidade.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425). A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.