80 veciños de Lugo, Monforte e Becerreá coñecen as vantaxes das novas tecnoloxías en 7 cursos gratuítos da Deputación
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
Máis de 80 veciños de Lugo, Monforte e Becerreá coñecen as vantaxes que levan consigo o uso das novas tecnoloxías na súa vida persoal e profesional nos 7 cursos gratuítos que imparte ó longo desta semana o Centro de Innovación Social In Lugo da Deputación nestes tres Concellos. Como facer marketing on line, usar a banca electrónica, elaborar presentacións, crear unha web, a ofimática na empresa e comprar por Internet son os temas das accións formativas que impartirá o In Lugo, no marco da programación que leva por toda a provincia dende mediados de setembro e ata rematar o ano co fin de estender o uso das TIC para mellorar a calidade de vida e o benestar dos lucenses; abrir novas oportunidades para encontrar emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a competitividade e produtividade das PEMES e autónomos. O Ministerio de Industria, a través do Plan Avanza, achega o 89% do financiamento das xornadas.
Na sede do Centro de Innovación Social arrancaron este luns os cursos Open Office, ofimática Open Source na Empresa, que remata mañá, e Deseño de campañas de comunicación 2.0: márketing on line, que conclúe o venres. Tamén en Lugo terá lugar entre o mércores e o venres, de 10:00 a 13:00 horas, o curso O teu banco onde queiras e cando queiras (opera co teu banco ou caixa a través de Internet). No Edificio Multiusos de Monforte terán lugar entre hoxe e o mércores dúas accións formativas: Os portais web, créao ti mesmo (creación de páxinas web) e O Rei das presentacións: presenta as túas ideas (elaboración de presentacións). Este último curso impartirase tamén en Becerreá, no telecentro, entre mañá martes e o venres, xunto a Catálogo de produtos e servizos na Rede (como crear unha revista e catálogo de produtos de liña ISSUU). O xoves non haberá clase por ser festivo.
Os talleres continúan a semana que vén na Pontenova, Lugo e Pedrafita. A programación é a seguinte:
Na Casa da Cultura da Pontenova: Entre os días 5 e 7 de novembro terán lugar os cursos Catálogo de produtos e servizos na Rede (como crear unha revista e catálogo de produtos de liña ISSUU), de 16:00 a18:00 horas; e As mellores ofertas e lugares na palma da túa man (aplicacións móbiles para buscar sitios e ofertas), de 18:00 a 20:00 horas.
Nas instalacións do Centro de Innovación Social: Entre os días 5 e 6 de novembro ofrecerase o curso O Rei das presentacións: presenta as túas ideas (elaboración de presentacións), de 10:00 a 13:00 horas, e para entre os días 7 e 8 está previsto o obradoiro Catálogo de produtos e servizos na rede (como crear unha revista e catálogo de produtos de liña ISSUU), de 16:30 a 19:30 horas.
No Centro Polifuncional de Pedrafita: Entre os días 7 e 9 de novembro impartiranse os cursos Manexa os teus ficheiros no teu ordenador (xestión de arquivos), de 16:00 a 18:00 horas, e A Web da túa empresa, que debe saber á hora de contratala?, de 18:00 a 20:00 horas.
Por teléfono, on line ou presencialmente
As persoas interesadas en participar, tanto nestas, como nas xornadas que restan ata finais de ano, poden anotarse por teléfono, chamando ó 982-22-51-86; on line, accedendo á páxina web www.deputacionlugo.org ou ben presencialmente, acudindo ás instalacións do propio In Lugo, situadas na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS). A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas dos cursos, dirixidos a todo tipo de público: mozos e maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade. Os alumnos recibirán ó finalizar a acción formativa un diploma oficial da Deputación que acredita a súa participación. A programación dos talleres (lugar e horario) pode consultarse na web do organismo provincial.