Deputación de Lugo

A Deputación entrega ó Alcalde de Guitiriz o proxecto do centro de día e residencia pública para que aclare dunha vez a súa postura

Fíxoo na reunión convocada para definir a postura oficial do Rexedor sobre esta iniciativa logo de que Teixido a rexeitase publicamente en varias ocasiónsTras non esclarecer a súa postura, asegurando “non ter idea das necesidades dos veciños ata estudar o proxecto da Deputación” que nunca pedira, o organismo provincial entregoulle ó Alcalde unha copiaMalia que o Rexedor está a avaliar a construción doutras residencias, neste caso privadas e coa colaboración de Concello e Xunta, a institución provincial emprazouno a un novo encontro o 14 de decembro para desbloquear a construción do centro público para maiores da Deputación

SUPLUSA celebrou este luns unha nova comisión de seguimento e impulso da rede pública de centros de día e residencias que constrúe a Deputación na provincia, na que se abordou, como tema central da Orde do Día, a realización desta dotación social en Guitiriz. O motivo deste encontro foi coñecer a postura oficial do Alcalde do municipio sobre este proxecto social, logo de que este non se dirixirse en ningún momento ó organismo provincial para avalialo, malia rexeitalo publicamente en reiteradas ocasións. Xosé María Teixido non aclarou a súa postura, asegurando “non ter idea das necesidades dos veciños de Guitiriz ata estudar a iniciativa da Deputación”, cuestión que aínda non realizou tras máis de ano e medio á fronte deste municipio. Ante esta situación, o organismo provincial entregou ó Rexedor o proxecto do centro de día e residencia que nunca pedira, emprazándoo a un nova reunión o vindeiro 14 de decembro para esclarecer dunha vez por todas esta situación.

E é que o Alcalde está a bloquear a construción do centro público para maiores en Guitiriz non só por non esclarecer o seu parecer ó respecto, senón porque tamén mantén paralizada a cesión dos terreos necesarios para a súa realización a pesar de que esta cuestión foi aprobada polo Pleno municipal. Trátase da Casa da Botica e das fincas colindantes a este inmoble onde a Deputación contempla un centro de día con 15 prazas e unha residencia con 26. Neste senso, Teixido informou hoxe que os técnicos municipais realizaron, sen coñecer nin avaliar previamente o proxecto de centro de día e residencia pública da Deputación, un informe que conclúe que este afincamento non é o axeitado. A institución provincial non recibiu esta documentación para poder estudala.

Centro Público

A Deputación reiteroulle ó Rexedor a súa disposición para construír un centro público para maiores en Guitiriz, asumindo o 80% do custes destes traballos, é dicir, 2,1 millóns de euros. Pola súa banda, o Concello só tería que achegar os terreos, os servizos urbanísticos e participar no financiamento con 200.000 euros. Deste xeito, Deputación e Concello posibilitaría en Guitiriz a oferta de prazas tanto nun centro de día coma nunha residencia a un prezo máis vantaxoso ó impulsar unha instalación de caracter público. Todo isto, a pesares de non contar coa colaboración da Xunta, administración galega con plenas competencias que rexeitou sumarse a este proxecto, xustificando que “non é necesario nin prioritario”. Á espera de coñecer a postura oficial do Alcalde, Teixido asegurou hoxe estar pendente da construción neste municipio de residencias privadas coas que, neste caso, si colaboraría tanto Concello de Guitiriz como Xunta de Galicia.