Arrinca a 1ª das xornadas de portas abertas Educ@TIC que amosarán as utilidades das novas tecnoloxías ós rapaces
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Centro de Innovación Social posto en marcha pola Deputación de Lugo convértese dende hoxe nunha gran aula na que se darán a coñecer ós lucenses máis novos as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, así como a actividade do Centro. Isto será posible grazas á primeira das dúas xornadas do programa gratuíto Educ@TIC, no que, mediante a experimentación directa dos propios rapaces traballando en grupo todos eles contan con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos-, o CIS pretende sensibilizar á mocidade lucense con respecto ás novas tecnoloxías, tanto implantadas coma futuras.
A sede do Centro de Innovación Social; a carpa instalada na terraza superior do propio edificio e os xardíns que o rodean serán os escenarios nos que os nenos e nenas que tomen parte na programación poderán experimentar o traballo dos profesionais dos medios audiovisuais, mediante a realización de secuencias televisivas e programas de radio nos que eles exercerán o papel de protagonistas. Tamén coñecerán cales son os avances en novas tecnoloxías que agardan no futuro inmediato; fabricarán as súas propias gafas para ver imaxes tridimensionais ou vivirán con emoción a experiencia da realidade aumentada empregando cadanseu ordenador.
Nova xornada o sábado
Aqueles rapaces que hoxe non poidan tomar parte nestas actividades gratuítas, teñen unha nova oportunidade este sábado, tamén en horario de 16:00 a 20:30 horas. Para elo só hai que achegarse ata a sede do CIS, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital lucense. Unha vez alí, recibirán un folleto no que atoparán información acerca de todo o que poderán experimentar durante a tarde. Como peche da xornada, tamén serán obsequiados cunha pequena merenda como despedida do día, e un diploma que acreditará a súa participación no Educ@TIC.