Deputación de Lugo

A Deputación acolle este sábado un concerto de rock benéfico para colaborar coa ONG 'Colores de Camerún'

Imaxe deputación de lugo
Esta iniciativa solidaria celebrase o sábado día 15 decembro na Sala Castelao e contará coas actuacións dos grupos de pop-rock The Peixes e Siempre FielEsta asociación, que ten varios proxectos humanitarios postos en marcha, naceu coa viaxe dun grupo de amigos a Camerún, onde coñeceron o labor desenvolvido polo galego Luis Álvarez e co que decidiron colaborar a través dunha ONG As entradas custarán 5 euros e o importe abonarase á entrada do concerto. Reservas no info@coloresdecamerun.org. A recadación destinarase ós proxectos postos en marcha por esta ONG

A Fundación TIC despregará un equipo de profesionais este sábado para deixar constancia coas súas cámaras do ambiente que se vivirá durante o concerto que se celebrará na Sala Castelao da capital lucense en apoio da ONG “Colores de Camerún”. Este evento con fins benéficos contará coas actuacións de dous grupos de pop-rock galegos, The Peixes e Siempre Fiel.

The Peixes está formado por cinco rapaces coruñeses que se están a facer un oco no panorama musical galego, no que conta cun amplo número de seguidores. Recoñecidos pola calidade das súas versións de temas de míticas bandas de rock coma Red Hot Chili Peppers, Pearl Jam ou Stone Temple Pilots, contarán como compañeiros de cartel con Siempre Fiel, grupo formado por rapaces lucenses que debutarán nesta velada, organizada para colaborar coa ONG “Colores de Camerún”.

Colores de Camerún

Esta asociación humanitaria naceu no ano 2010, a raíz dunha viaxe que un grupo de amigos realizaron a Camerún, país que os impresionou polo contraste entre a súa beleza e as condicións de pobreza na que vivían os seus poboadores. Foi durante esta visita cando tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o labor que o ourensano Luis Álvarez “Popi” estaba levando a cabo no país. Co obxectivo de dar soporte e colaborar con este cooperante crearon esta ONG, que a día de hoxe ten postos en marcha proxectos en diferentes poboacións do país, coma o mantemento e soporte dunha casa de acollida en Santá, na que nenos e nenas discapacitados reciben educación e coidados; a construción dun centro médico de ortopedia en Bambili ou unha serie de proxectos de abastecemento de ó longo da xeografía camerunesa.

“Colores de Camerún” é moi consciente da necesidade de que todos os esforzos, tanto económicos coma humanos cheguen directamente á poboación, para o que un grupo de profesionais especializado en cooperación e acción humanitaria traballa minimizando os custes e esforzos protocolarios e participando directamente cos beneficiarios do proxectos.

Reserva de entradas

Os interesados en asistir a esta velada benéfica de rock poden facer a reserva de entradas enviando a súa solicitude ó enderezo electrónico da ONG, info@coloresdecamerun.org. O aforo está limitado a 400 persoas. O abono das mesmas -5 euros cada unha-, realizarase o mesmo día do concerto, antes de acceder ó recinto. A recadación conseguida destinarase a financiar os proxectos que “Colores de Camerún” ten postos en marcha actualmente.