Deputación de Lugo

A tradición dos ferreiros de Riotorto chega esta semana ós obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño

As técnicas dos ferreiros de Riotorto e as da cestaría tradicional centran a temática de dous cursos que comezan esta semana en Riotorto e nas aulas do CENTRAD Nos que resta de novembro e en decembro comezarán no CENTRAD os cursos de “Cestaría de xuncos” e “Cestaría de vimbio. Bandexas”, últimos desta tempada

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación de Lugo iniciou esta semana dous novos cursos, un de técnicas de forxa e outro de cestaría.

O curso de “Forxa” que comezo onte, ten coma escenario o Mazo de Espasande de Abaixo, no Concello de Riotorto e será impartido por Óscar Villada, herdeiro da mellor tradición dun oficio hoxe case desaparecido. Malia isto e grazas ó traballo de artesáns coma el, continúa ofrecendo alternativas de futuro, como pode ser a realización de obxectos decorativos para o fogar ou de elementos ornamentais empregados na creación de espazos públicos. Neste caso, o curso ten horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas e se prolongará ata o día 30 deste mes.

Pola súa banda, os alumnos do curso de “Cestaría tradicional. Cabazas de Noia e cesto de Muros” poderán aprender e familiarizarse coa tradición máis representativa destas modalidade cesteiras. A artesá Idoia Cuesta ensinará ós participantes os segredos deste traballo con materiais naturais nun curso que se celebrarará ata o vindeiro día 23 nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Sen dúbida estas son dúas accións formativas de grande interese, o que queda amosado polo feito de que ambas se cubriran todas as prazas dispoñibles.

Só restan dous cursos

Con estes dous xa son 11 os cursos do Centro de Artesanía postos en marcha nesta 2ª tempada. Deste xeito, só restan por comezar dous cursos de cestaría: “Cestaría de xuncos” e “Cestaría de vimbio. Bandexas”. O primeiro deles comezará o 26 de novembro e o segundo o 10 de decembro. En ambos casos desenvolveranse nas instalacións do CENTRAD, situado na Travesía da rúa Chantada da capital luguesa.