Deputación de Lugo

Alumnos da Facultade de Veterinaria de Cáceres visitan a Granxa Gayoso Castro para coñecer a Raza Rubia Galega

Estudantes extremos coñeceron sobre o terreo as cualidades da rubia galega e da cachena Así mesmo, interesáronse polo que será o primeiro centro público de España

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, en colaboración coa Facultade de Veterinaria de Cáceres, organizou unha visita dun grupo de alumnos desta facultade extremeña á Granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, para coñecer de preto e sobre o terreo as cualidades das razas rubia galega e cachena, ambas presentes nas instalacións da citada Granxa, dependente da Deputación de Lugo.

O principal artífice da visita que os alumnos da Facultade de Veterinaria de Cáceres realizaron a Lugo é o profesor de dita facultade, Marcos Pérez López, natural de Lugo e polo tanto coñecedor da rubia galega. Sobre a súa visita á cidade e en particular ó centro de recría de Gayoso Castro, Marcos Pérez explica que “A razón de saber máis sobre estas dúas razas é por ampliar coñecementos. Os nosos estudiantes da Universidade de Extremadura aprenden, como é normal, moito sobre razas habituais no centro e sur da península, pero sen embargo adquiren poucos coñecementos sobre estas razas do norte, tanto nunha amplamente difundida como a rubia galega, de enorme valor na produción de carne de alta calidade, como na cachena, pola que os estudiantes teñen unha especial curiosidade, dadas as súas características”.

Este profesor lucense fala ademais da implantación da raza rubia fóra de Galicia. A este respecto sinala que “coma galego e veterinario sigo con enorme interese a expansión desta raza. Teño visto como nos últimos anos apareceron cada vez con máis frecuencia en feiras e exposicións de gando, e teño constancia da súa presenza en diversas explotacións. Creo que ten, con total seguridade, moito que dicir no futuro, polas súas excepcionais características. Incluso en condicións tan diferentes como as que imperan na maioría das explotacións de Extremadura, algúns ensaios teñen amosado que poden chegar a ser altamente competitivas”.

Percorrido polas instalacións

Durante algo máis dunha hora, os estudiantes extremeños visitaron as instalacións da Granxa, acompañados por responsables de Acruga e polo diputado de Economía de Medio Rural da Deputación de Lugo, José Fernández, quen lles explicou os pormenores das obras de construción do que será o primeiro centro público de recría de España, e cuxa primeira fase xa está rematada. Tanto os alumnos coma os profesores amosaron un grande interese polo proxecto, polo que visitaron as naves de recría, xa finalizadas, e os silos. Así mesmo, mentres preguntaban ós responsables da Granxa cuestións sobre a rendabilidade da recría e as posibilidades que se abren para o sector gandeiro.

Posteriormente, continuaron coa visita ás naves nas que se atopan os exemplares de rubia galega, onde os alumnos estiveron falando con responsables de Acruga sobre as excelentes cualidades tanto morfolóxicas, coma xenéticas e produtoras desta raza. Tamén houbo tempo para coñecer de preto a raza cachena, que polas súas cualidades morfolóxicas, chamou a atención de todos os alumnos.

Con esta iniciativa, Acruga dá un paso máis no seu labor de expansión e promoción da raza rubia, que habitualmente está presente en feiras gandeiras nas que se realizan na comunidade extremeña, como poden ser as de Zafra (Badajoz) e a de Trujillo (Cáceres), feira agropecuaria celebrada o pasado día 14 de novembro, á que Acruga acudiu con nove exemplares de exposición.