Deputación de Lugo

O CENTRAD acolle a exposición fotográfica Pel con pel, organizada pola asociación lucense de defensa da lactancia Bico de Leite

Imaxe deputación de lugo
A mostra fotográfica reúne corenta imaxes que recollen momentos íntimos entre nais e fillos, acompañadas de textos e poemas de recoñecidos autores galegos Pel con pel permanecerá instalada ata o vindeiro día 30 no Pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño e poderá ser visitada en horario de 10:00 a 14:00 horas

O Centro de Artesanía e Deseño é un espazo aberto a todos os lucenses e proba diso á a exposición fotográfica que estes días ocupa as instalacións do Pavillón 4 do CENTRAD, na capital luguesa. Pel con pel, que así se chama esta mostra, está composta por corenta instantáneas que retratan a nais no íntimo momento de amamantar ós seus fillos. As imaxes están acompañadas de textos e poemas de escritores e escritoras galegos.

Unha mostra itinerante que leva dende o 2010 percorrendo a xeografía galega. Nacida grazas á colaboración entre a Consellería de Sanidade, a Federación Galega de Grupos de Apoio á Lactación Materna (Fedegalma) e a editorial Galaxia. As fotografías que compoñen Pel con pel motivaron o interese desta editorial galega, que quixo recoller nun libro estas imaxes, gañadoras e participantes no II Concurso de Fotografía sobre Lactación Materna organizado por Fedegalma. Tal e como a editorial presenta a obra “Pel con pel nace dun entusiasmo, como case que todas as cousas importantes nesta vida: un mollo de escritores e escritoras unidos pola palabra e a fotografía, nais e fillos e fillas e o universo todo concentrado nunha boca que chucha”.

A asociación Bico de leite é un colectivo lucense nado no 2005, que reúne a un grupo de nais voluntarias que dan apoio coa lactancia materna a todas as mulleres que o necesiten. Tamén se encargan de organizar outras moitas actividades que serven de excusa para compartir experiencias en torno á maternidade. As súas accións esténdese por toda a provincia.

Pel con pel poderá visitarse nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño ata o vindeiro día 30 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas.